Investíronse máis de 3 millóns de euros na mellora das estradas en concellos dependentes da delegación territorial de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe os máis de 3 millóns de euros investidos este ano na mellora de 14 estradas en concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra.
En este sentido, Cores Tourís destacou os traballos executados na PO-224 entre Ponte Bora e San Antoniño, na PO-534 entre Lalín e Folgoso, e a PO-960 entre Vila de Cruces e o límite da provincia de Pontevedra. “A esta reforma destináronse 500.000 euros para obras de reposición e fresado, bituminosa en quente, microaglomerados en frío e sinalización horizontal”, explicou o delegado territorial, quen engadiu que “estes traballos atópanse practicamente rematados”.
Ademais, tamén se investiron outros 500.000 euros para mellora das estradas PO-244 entre Arcade e Soutomaior, a PO-254 entre Ponteareas e Mondariz, a PO-400 entre Salvaterra e Filgueira e a PO-404 entre Guillarei e A Rañada. “Estes traballos son similares aos realizados nas anteriores estradas, salvo que neste caso non se aplicou microaglomerado. Nestes intres, todas as obras se atopan en execución”.
José Manuel Cores Tourís tamén destacou os 600.000 euros destinados á mellora das estradas PO-305 entre Saiar e Vilagarcía e a PO-331 entre Pontevedra e Vilagarcía, onde se executou o fresado e reposición das zonas de pavimento deterioradas. Nestes traballos levouse a cabo, ademais, a aplicación da coñecida como “pel de crocodilo” e “malla grosa” e procedeuse tamén á reposición da sinalización horizontal en todo o tramo.
Finalmente, tamén destacou a execución de obras de mellora da seguridade viaria en outras 4 estradas da provincia onde se investiron 517.000 euros, en concreto para as vías PO-300 entre Mosteiro e Cambados, da Po-303 entre Samieira e Castrelo, da PO-313 entre Marín e Moaña e da PO-548 entre Pontecesures e Vilagarcía.
A maiores, o delegado tamén recordou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mellorou o trazado e o firme da estrada que enlaza Cachafeiro con Vilapouca en Forcarei (PO-536) e que supuxo un investimento de 850.000 euros.
José Manuel Cores Tourís destacou a importancia destas obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunhas estradas que soporta un importante número de vehículos ao día e que necesitaban mellorar a calidade da súa calzada”.











