Industria e Concello de Santiago abordan a auditoría sobre a rede eléctrica
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, explicou que este venres se celebrará unha reunión entre a Consellería de Industria e o Concello compostelano para abordar a auditoría encargada sobre a rede eléctrica municipal, despois de que unha menor de 14 anos falecese electrocutada a madrugada do pasado luns debido a unha descarga.
Así, Agustín Hernández manifestou, nunha visita realizada este xoves á Colexiata do Sar, que o secretario da Casa do concello remitiu o informe realizado pola concesionaria ao xulgado correspondente.
Neste sentido, o rexedor confirmou este mércores que o estudio da concesionaria constata que o farol que tocou a menor “non tiña ningún problema”.
Así mesmo, onde os técnicos detectaron un fallo foi noutro farol situado en fronte. En concreto, os técnicos acharon unha avaría nun contacto do cable co propio bastidor, o que, mediante a condución a través da toma de terra e ao tocar a nena outro farol ao tempo que unha varanda metálica, provocaría a descarga.











