Inaugúrase o Pazo de Liñares de Lalín

Inauguración do Pazo de Liñares en Lalín
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que inaugurou o Pazo de Liñares subliñou que o Pazo abre a comarca do Deza como novo espazo arquitectónico, histórico, cultural e turístico de referencia na Comunidade. Así o manifestou na inauguración das obras de rehabilitación ás que foi sometido este recoñecido edificio, declarado en 2009 Ben de Interese Cultural como Monumento Histórico.
O mandatario galego apuntou que a rehabilitación deste inmoble supuxo un investimento de 3,2 millóns de euros, cofinanciado polo Ministerio de Fomento e pola Xunta de Galicia, ao que se engadiu unha partida de preto de 200.000 euros para a realización dun obradoiro de emprego que, en colaboración co Concello de Lalín, permitiu acondicionar e axeitar parte dos exteriores.
O Pazo de Liñares, engadiu, abrangue unha superficie de máis de 2.000 m² construídos, emprazada nunha parcela de 9.000 m² de extensión e, segundo sinalou, esta intervención de posta en valor permitirá “abrir as portas de Liñares a toda a cidadanía” e dotar o concello de espazos polivalentes e funcionais para o desenvolvemento de distintas actividades sociais e culturais.
O edificio albergará o Centro de xestión do Coñecemento arqueolóxico, o Arquivo Histórico do Deza, o Museo Galego do Títere, unha sala dedicada ao aviador lalinense Joaquín Loriga Taboada, e outra, dedicada ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago
Un gran paraugas cultural
Feijóo salientou que a restauración deste pazo ambiciona dotar Lalín e a súa comarca dun novo espazo capaz de aglutinar as mostras culturais de todo o contorno. De igual xeito, persegue erixir este lugar emblemático nun gran paraugas cultural que permita retomar a actividade e restaurar a imaxe que o pazo tiña na súa época de maior esplendor; e, paralelamente, aspira a constituírse como centro de estudo indicativo da historia do Deza.
O edificio albergará, así, o Centro de xestión do Coñecemento arqueolóxico, vinculado ao Museo Provincial de Pontevedra, que será un referente na Comunidade en cultura castrexa, e no que tamén colabora a Deputación Provincial de Pontevedra, achegando unha partida destinada á propia construción do centro, e dotándoo de material e equipamento.
Así mesmo, o pazo contará ademais co arquivo Histórico do Deza que, en palabras do presidente, será unha fonte documental de gran valía para a comarca. Tamén dará cabida ao Museo Galego do Títere, único en Galicia e un dos poucos existentes en España que, ao longo de todo o ano, será sede permanente de actividades. E acollerá unha sala propia destinada ao galego pioneiro da aviación Joaquín Loriga Taboada, e outra dedicada ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago, por ser lugar de paso da Vía da Prata.