Hernández pide diálogo para reformar a lei e que goberne a cabeza de lista máis votada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, insiste en pedir o inicio dun “diálogo necesario” entre os partidos políticos co fin de modificar a lei electoral de modo que posibilite que goberne nos concellos a cabeza de lista máis votada.

O antigo conselleiro de Medio Ambiente da Xunta, que substituíu ao tamén popular Ángel Currás á fronte da Alcaldía compostelá despois de sucesivas imputacións e a inhabilitación de sete dos seus edís, mantén este posicionamento a poucos meses de que se celebren as eleccións locais.

Non en balde, o PP santiagués defenderá este xoves no pleno ordinario do Consistorio da capital galega unha proposición en defensa da reforma da lei electoral.

Preguntado este mércores en rolda de prensa por posibles contradicións co Partido Popular no ámbito estatal, Hernández, que é o terceiro alcalde do PP en Santiago desde 2011 -tras a dimisión de Gerardo Conde Roa por un delito de fraude fiscal-, negounas, ao afirmar que o Executivo central “dixo que o tema quedaba á marxe do que é o debate sobre as medidas de rexeneración política, pero en absoluto fóra da axenda do Goberno de España”.

“RESPECTO Á VONTADE MAIORITARIA”

“Presentamos unha proposta de resolución na que solicitamos o apoio do resto dos grupos para manifestar a vontade da corporación de Santiago para que se inicie un diálogo entre partidos co fin de que, despois das modificacións legais oportunas, se garanta o respecto á vontade maioritaria da cidadanía, de tal forma que a cabeza de lista máis votada nas eleccións locais sexa elixido alcalde”, expuxo.

Neste sentido, sinalou que “é unha proposta que o que vén engadir ao debate, que é coñecido e que está na axenda política, é o posicionamento do PP” respecto diso de que considera “que a lei debería respectar o feito electoral de que a cabeza de lista máis votado sexa o alcalde”. “Loxicamente, despois do diálogo necesario entre os partidos e tamén das reformas legais que sexan necesarias, sen manifestar ningún posicionamento concreto pero si a vontade de iniciar un debate”, precisou.

24 de setembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.