Hernández asegura que a concesionaria encargada da iluminación cumpre coa normativa
O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, asegurou que a concesionaria encargada da iluminación, a empresa Ferrovial Ferroser, “cumpre coa normativa”, tras falecer unha menor de 14 anos na madrugada deste luns por mor dunha descarga eléctrica procedente dun farol na celebración das Festas de Guadalupe.
Deste xeito, Hernández remarcou que se trata “dun feito extraordinario” e, por iso, dixo que é “urxente” aclarar as causas. Ademais, subliñou que o Consistorio pediu á concesionaria a “información necesaria” para coñecer as causas do acontecido, xa que este é “o primeiro interesado” en esclarecer “absolutamente todo” o ocorrido.
En declaracións aos medios, o alcalde santiagués manifestou este luns que a súa prioridade se centra en esclarecer as causas con “prudencia, rigor e investigación” e trasladou a consternación de todo o persoal do Concello cara á familia da nena, veciña do municipio Brión (A Coruña), polo “terrible suceso” ocorrido a pasada noite.
Así mesmo, o rexedor compostelán insistiu en que lle gustaría ter todos os datos “encima da mesa” para poder dar “unha valoración concreta”. Así, destacou que se atopa “a expensas” dos resultados da investigación xudicial e dos informes da propia concesionaria.
Preguntado polos xornalistas acerca das queixas dos residentes de Vite polo mal estado dos farois, Agustín Hernández remarcou que este luns mantivo unha conversación coa presidenta da asociación de veciños e, con todo, non lle trasladou “ningún tipo de información respecto diso”.
“NINGUNHA REVISIÓN ANTERIOR”
Poucas horas despois do acontecido, ao rexedor compostelán afirmou que non lle consta “ningunha revisión” das instalacións anterior ao suceso, pero garantiu que seguirán facendo as revisións ordinarias”.
O rexedor trasladou as súas condolencias aos familiares, xa que a pasada madrugada non puido facelo persoalmente, debido que os pais da menor estaban “en estado de shock no interior dun coche” cando se desprazou ao lugar do suceso.
Finalmente, Hernández avanzou que profesionais do Colexio Oficial de Psicólogos trasladaranse a casa dos pais para ofrecerlles asistencia para superar este “durísimo transo”.











