Gómez Noya suma un novo éxito proclamándose Campión do Mundo Ironman 70.3

Gómez Noya na meta
Javier Gómez Noya logrou hoxe proclamarase campión do mundo Ironman 70.3 en Mont Tremblant (Canadá). A ansía de vitoria do galego non ten fin e segue buscando novos retos coma o de hoxe, ao enfrontar un medio Ironman e con rivais dun altísimo nivel. A semana pasada logrou en Edmonton proclamarse campión do mundo de tríatlon por cuarta vez e sete días despois, campión do mundo 70.3. Xa dende o inicio, Javi quixo deixar claro que ía polo triunfo.
Foi o primeiro en saír da auga despois de facer os 1.900 metros de natación, cun tempo de 22:09, mentres que Jan Frodeno (un vello coñecido das Series Mundiais) estaba case pegado a só un segundo. Na bicicleta (90 quilómetros) seguiu a vixilancia entre estes dous deportistas, que lideraban a proba. Así, o alemán logrou escaparse de Gómez Noya no tramo final do ciclismo e chegou á transición con trinta segundos de vantaxe sobre o galego. Pero nos últimos 21 quilómetros de carreira a pe, o ferrolán foi quen de recuperar o tempo perdido e de escaparse do seu rival, para chegar en solitario á meta.
O triatleta galego rematou a proba cun tempo total de 3 horas, 41 minutos e 30 segundos, e avantaxou en 41 segundos a Jan Frodeno (3:42:11), e xa en 3 minutos e 8 segundos ao terceiro, o británico Tim Don (3:44:38). E que ninguén pense que foi fácil. Gómez Noya aseguraba no seu twitter: “Campión do mundo de 70.3! Sen palabras… Carreira durísima, hoxe tiven que espremerme ao máximo!”.











