Gamallo incide na importancia das conexións de transporte para unha maior cohesión territorial na UE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión da comisión de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións celebrada na cidade romanesa de Iasi, onde incideu na importancia da interconexión das rexións europeas, prestando especial atención ás comunicacións e á mobilidade daquelas rexións situadas na periferia europea.
A través dos distintos paneis que conformaron o programa da xornada, dende a comisión COTER fíxose especial fincapé no papel que o desenvolvemento das infraestruturas de transporte en Europa pode ter como ferramenta para acadar unha maior cohesión territorial. De tal xeito os relatores abordaron a estratexia e principios da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), a política de infraestruturas europea posta en marcha co propósito de crear de aquí a 2030 unha potente rede de transporte multimodal en toda a UE.
En relación coa RTE-T, e incidindo nas mensaxes vertidas sobre o peso que as conexións de transporte teñen no camiño cara a unha maior cohesión territorial, Jesús Gamallo sinalou a importancia de que Galicia aproveite as oportunidades que ofrece o recentemente aprobado Mecanismo Conectar Europa de Transporte, unha liña de financiamento da Comisión Europea que estará en vigor ata o 2020. Gamallo recordou así mesmo que, a través dese mecanismo, a Comisión Europea vén de publicar a pasada semana unha convocatoria mediante a que se repartirán 11.900 millóns de euros entre os Estados membros para o financiamento de proxectos prioritarios no eido do transporte. Os proxectos, que haberán de ser cofinanciados polos gobernos promotores, deben ser ademais competitivos e estar relacionados cos nove corredores sinalados como prioritarios pola RTE-T. Entre estes atoparíanse proxectos fundamentais para Galicia como a conexión da comunidade co Corredor Atlántico, vía prioritaria que unirá Portugal con Alemaña a través de territorio español e francés.
A cooperación territorial como impulso para unha mellor comunicación das rexións
Outro dos eixos temáticos da xuntanza foi a posibilidade de utilizar ferramentas como as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) ou as macrorrexións co obxectivo de mellorar as conexións transfronteirizas e facilitar o desprazamento de persoas e mercadorías, podendo ser incluídos nestes proxectos terceiros países non pertencentes á UE.
Neste senso, Jesús Gamallo destacou o traballo realizado dende a AECT Galicia-Norte de Portugal para achegar as dúas beiras do río Miño a través da mellora das infraestruturas, feito que supuxo un pulo á cooperación e aos intercambios transfronteirizos. Na súa intervención, o director xeral tamén recordou o papel pioneiro que desenvolveu esta Agrupación no contexto europeo ao ser a terceira da súa clase no seo da UE, feito que converteu á eurorrexión nun referente da cooperación territorial.
Gamallo fixo así mesmo referencia a proxectos concretos impulsados dende a AECT como a elaboración dunha Guía Online de Transportes da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal ou a elaboración de estudos centrados na compatibilidade dos sistemas de telepeaxe galegos e portugueses e na redución da súa incidencia sobre a economía real.
A Comisión COTER
A comisión de Cohesión Territorial é unha das seis comisións de traballo do Comité das Rexións da Unión Europea. Encárgase da elaboración de proxectos de ditames relativos as políticas de cohesión territorial, económica e social: fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte. A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega no CdR, tanto nas dúas comisións das que é membro a nosa comunidade (CIVEX e COTER), como nas sesións plenarias deste órgano comunitario.











