Finalizan as obras de ampliación das aulas do Wenceslao Fernández Flórez en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+
O alcalde de Cambre na visita ao centro

O alcalde de Cambre na visita ao centro

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, visitou hoxe a finalización das obras de ampliación do colexio Wenceslao Fernández Flórez xunto coa delegada da Xunta de Galicia da Coruña, Belén Do Campo, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e a edil de Educación, María Jesús González Roel. Nun tempo marca de 28 días aumentouse en tres as aulas de Educación Primaria para este novo curso, reformouse a antiga casa do conserxe para transformala nas dependencias administrativas e levouse a cabo un acondicionamento do patio traseiro consistente na adecuación dun horto ecolóxico e na renovación dos xogos infantís e a súa contorna.

Así, no edificio dos antigos despachos dos docentes sitúanse agora tres aulas novas para Educación Primaria, conservando a biblioteca no mesmo lugar e trasladando a aula de informática ao edificio principal, quedando totalmente remodelada. Tanto a xefatura territorial como a concellaría de Educación comprometéronse este mesmo ano en resolver o problema de espazo ante o previsible aumento de alumnos. Segundo Rivas, “A Xunta cumpre nun tempo marca o seu compromiso cos veciños de Cambre e estamos moi agradecidos. Esta obra era prioritaria para os nosos escolares e xa está lista para este curso que dará comezo a próxima semana”, apuntou Rivas, que resaltou a profesionalidade da empresa que se fixo cargo dos traballos.

Seguridade viaria Colexio Wenceslao Fernández Flórez

Doutra banda, a concellaría de Educación deu orde á Policía Local de modificar o tráfico da rúa que dá acceso ao centro educativo para levar a cabo unha iniciativa de seguridade viaria para os escolares cambreses. Así, cámbiase a partir do inicio do curso a parada de autobús, que agora se situará na porta principal do centro. Elimináronse unhas prazas de estacionamento na mesma rúa co obxectivo de que os autobuses escolares poidan parar na porta do colexio.

5 de setembro de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.