Ferrol procederá á exposición ao público do censo para a formación das listas de candidatos a xurado
O Concello de Ferrol procederá, entre os días 18 e 25 de setembro, á exposición ao público do censo vixente para a formación das listas de candidatos a xurados. Trátase de cumprir coa Lei Orgánica 5/1995 do Tribunal do Xurado, mais do Real Decreto 1398/1995 de 4 de agosto e as súas sucesivas modificacións, que establecen o procedemento legal para a formación das listas de candidatos a xurados.
Para este cumprimento, a Delegación Provincial da Coruña do Instituto Nacional de Estatística (INE) –Oficina do Censo Electoral- vén de determinar que o sorteo para a formación destas listas se leve a cabo o vindeiro día 26 de setembro, ás 12.00 horas, na Sala de Xuntas desta oficina, segundo confirmación da Audiencia Provincial. O Concello de Ferrol procederá á exposición ao público do censo vixente para o dito sorteo durante un prazo de sete días anterior á celebración deste. Se ben non se fixa unha data en concreto para o inicio da exposición, suxírese que se leve a cabo entre os días 18 e 24 do presente mes. Por parte da Delegación Provincial do INE – Oficina do Censo Electoral- procederase á publicación da data, hora e lugar do sorteo no Boletín Oficial da Provincia do vindeiro día 18 de setembro, así como na páxina web do INE.
Por último, sinalar que unha vez rematada a exposición do censo, os ficheiros quedarán en poder do Concello ata o día 15 de outubro, por se puideran ser requiridos con motivo dunha posible reclamación contra o acto do sorteo.











