Ferrol outorga un premio solidario a asociación Arraigo polo proxecto “Punto de encontro”
A Asociación Arraigo, co seu novidoso proxecto“Punto de Encontro”, resultou a gañadora do VII Premio Solidario Concello de Ferrol 2014, convocado pola Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. Así o anunciou esta mañá a edil responsable da Área de Benestar, Rosa Martínez Beceiro, quen subliñou o alto nivel de solidariedade dos catorce proxectos presentados na convocatoria. Os nove membros do xurado se reuniron esta mañá para ditaminar a resolución que foi acadada con unanimidade.
Así as cousas, Arraigo toma o testigo da Asociación Sociocultural de Minusválidos de Ferrol (ASCM) galardoada na pasada edición polo proxecto socioeducativo de participación integral a través da actividade infantil de psicomotricidade inclusiva “Peciños”. “Punto de Encontro” desenvólvese no ámbito xeográfico do Concello de Ferrol e os seus beneficiarios son as persoas sen fogar. A concelleira Rosa Martínez Beceiro, destacou que o obxectivo do proxecto é proporcionar aos usuarios un lugar de reunión nos “tempos mortos” entre o almorzo, o xantar e a cea; fomentar as relacións interpersoais dos usuarios, facendo fincapé na cooperación, solidariedade e axuda mutua; dar resposta aos ocos baleiros que quedan entre os servizos proporcionados por outras entidades de Ferrol; promover e fomentar a autoxestión e a autoestima dos usuarios, mediante a posta en marcha de diferentes talleres que organizarán eles mesmos. Así mesmo, a edil ferrolá destacou que a iniciativa “permite cubrir e complementar os servizos sociais do Concello de Ferrol e facer partícipes aos usuarios para fomentar a responsabilidade a través do traballo en equipo”.
Implicación máxima dos usuarios
No que atinxe ao seu desenvolvemento, o local da Asociación Arraigo permanece aberto ao longo de toda a semana, en horario de mañá e tarde, e ten unha dinámica diferente cada día. Este espazo de encontro para as persoas sen teito, inclúe tempos para o ocio onde os usuarios poden compartir intereses, novas, pensamentos e reflexións. Así mesmo, os propios usuarios desenvolven periodicamente diferentes obradoiros impartidos por eles mesmos e de temáticas variadas como costura, artesanía ou manualidades.
A proposta pretende facer que os usuarios participen activamente no día a día conseguindo mellorar a súa autoestima e as súas habilidades e destrezas persoais. Nesta implicación máxima, destaca o feito de que cada semana un dos usuarios será o encargado de velar polo orde do local, xunto cos membros de Arraigo. “Punto de Encontro” tamén inclúe os almorzos dos domingos, xa que é un día no que o resto de centros adoitan permanecer pechados. Así, cada semana, o local recibe entre 50 e 60 persoas.
A entrega do VII Premio Solidario Concello de Ferrol terá lugar o vindeiro venres, día 12 de setembro, nun acto institucional que presidirá o alcalde Jose Manuel Rey Varela.











