Ferrol inicia os trámites para acometer a fase final da rehabilitación do antigo hospicio
O Goberno Municipal de Ferrol que preside Jose Manuel Rey Varela deu hoxe o primeiro paso para completar a rehabilitación do Antigo Hospicio, cunha segunda e definitiva fase de actuación que se centrará na parte do inmoble orientada cara a rúa María, esquina con Méndez Núñez. A Xunta de Goberno Local deu esta mañá luz verde á aprobación inicial do estudo detalle desta intervención.
Unha vez realizado este estudo de detalle se procederá ao encargo de dito proxecto e a licitación das obras de recuperación do Antigo Hospicio. O expediente aprobado hoxe polo executivo local será sometido a información pública durante o prazo de vinte días. O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, sinalou que “será o estudo detalle o que fixe as necesidades desta parte da edificación que se destinará a usos dotacionais”.
O Goberno Municipal de Jose Manuel Rey completou as obras de rehabilitación en primeira fase tras un investimento de 1,3 millóns de euros. Esta primeira fase permitiu devolver o esplendor a un inmoble protexido catalogado no Plan Especial da Magdalena, poñendo en valor e recuperando elementos orixinais do mesmo como os piares de forxas, os vellos pozos de abastecemento do complexo, a escada, as paredes de zinc, etc.











