Ferrol e a Sociedade Galega de Historia Natural programan saídas de escolares co programa “Artellando”
A concelleira de Educación do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o programa municipal “FERROL NATURALmente”, que forma parte das actividades gratuítas para escolares do municipio que se recollen en “Artellando” e que, neste caso, se desenvolverá en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). O Museo de Historia Natural acolleu esta mañá a presentación desta iniciativa, coa participación do responsable da SGHN Paulino Gasalla.
“FERROL NATURALmente” está dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria de colexios públicos e concertados de Ferrol.”O obxectivo deste anovadpr programa é que os escolares coñezan o contorno natural de Ferrol: parroquias, fauna e flora, cultura popular, restos arqueolóxicos e arquitectónicos, camiños e o seu uso ao longo do tempo, etc; ao mesmo tempo que favorecer a convivencia de escolares de distintos centros”, explicou Martínez Galdós. O programa impartirase en oito sesións todos os sábados de outubro e novembro en horario de 10.00 a 13.30 horas. Os escolares sairán das instalacións da Sociedade Galega de Historia Natural e desprazaranse en autobús ao lugar en que se realizará a actividade. A Concellería de Educación ten aberto dende hoxe e até o vindeiro día 22 de setembro; e as solicitudes hai que presentalas no Rexistro Municipal. O número de prazas ofertadas é de 30. A titular de Educación quixo agradecer á Sociedade Galega de Historia Natural “o seu traballo e a súa implicación durante todo o ano na tarefa de procurar entre a sociedade un mellor coñecemento e concienciación sobre a importancia do noso contorno natural e do medio ambiente, en xeral”.
Pola súa banda, Paulino Gasalla explicou que dentro do programa “NATURALmente” contémplase cinco saídas polo medio natural: Esmelle (ruta dos muíños); Covas (vestixios das minerías), as baterías de Cabo Prior, San Xurxo, Doniños (con visita a o antigo observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, baterías, lagoa e zona dunar) e Brión. Ademais, os escolares participantes coñecerán polo miúdo o Museo da Natureza da SGHN e o xardín urbano desta entidade no Sánchez Aguilera.











