Ferrol despide aos menores saharauís que participaron no programa Vacacións en Paz

Despedida dos nenos saharauis que pasaron o verán en Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, manifestou o seu desexo de que os menores saharauís que participaron este verán no programa Vacacións en Paz e as súas familias de acollida “teñan gozado destes dous meses de convivencia na cidade”. O primeiro edil ferrolán presidiu a recepción de despedida aos oito nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, no deserto de Alxeria. Representantes de todos os grupos municipais tamén participaron neste acto de despedida que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.
“Agardo que tiverades unha boa estancia”, díxolle Jose Manuel Rey aos beneficiarios deste programa que o alcalde insistiu en considerar “unha magnífica iniciativa porque permite aos nenos gozar de moitas cousas que non teñen no seu país de orixe”. Ademais, o rexedor municipal tamén tivo un agradecemento especial par as familias de acollida, que “un verán máis demostraron a súa solidariedade e que dan exemplo de que Ferrol é unha cidade solidaria”.
O Concello entregou a cada un dos menores un recordo da súa estancia na cidade, que consistiu nunha mochila con diverso material escolar. Os nenos e nenas que participaron nesta iniciativa teñen idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos.











