Ferrol consolídase como destino turístico singular durante o balance da campaña de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá o balance da Campaña Turística de Verán 2014, que enmarcou nun ano histórico para a cidade como destino turístico singular. Neste senso, resaltou os grandes fitos que supuxeron o impulso internacional da cidade: a celebración do Congreso de Turismo Industrial, con máis de 300 especialistas mundiais; a celebración da primeira Semana Santa Ferrolá declarada de Interese Turístico Internacional; as primeiras Pepitas como Festa de Interese Turístico de Galicia; ou a consolidación de Ferrol como porto de cruceiros cun trintena de escalas e máis de 35.000 persoas que chegarán á cidade naval vía marítima cando remate o ano. Outros avances en materia turística foron a consecución de novas bandeiras azuis, a nova sinalización turística da cidade ou a inminente apertura ao público do Pazo de Capitanía en colaboración coa Armada. García Fraga reiterou a aposta polo turismo como factor de desenvolvemento da economía local “queda camiño por percorrer pero estamos no bo camiño”, dixo.

A titular de Turismo detallou as cifras máis relevantes da campaña turística de verán, ofrecendo datos sobre a participación no programa de actividades para a época estival ou a ocupación hoteleira da cidade. Así, un total de 8.341 visitantes foron rexistrados pola oficina municipal de turismo entre os meses de xullo, agosto e a primeira quincena de setembro. No que atinxe á procedencia das persoas que solicitaron información neste punto de atención turística situado nas inmediacións da dársena de Curuxeiras, a edil María del Carmen García destacou o importante incremento do turismo internacional -1.579 visitantes- que supón o 19% das persoas que visitan a cidade naval, tres puntos máis que o verán do ano pasado. Entre os visitantes internacionais os que tiveron máis presenza en Ferrol foron, por este orde, Italia (310 persoas), Francia (239), Alemaña (190), Reino Unido (154), e Portugal (135); mentres que fora do continente europeo, os turistas proceden principalmente de Estados Unidos (71 persoas).

En canto ao turismo nacional, supón o 81% das persoas que acudiron este verán á oficina de turismo a solicitar información e os máis numerosos son de Madrid (1.852), seguido por Barcelona (486), Valencia (328), Asturias (279), Zaragoza (241), Vizcaya (184) ou Navarra (162). “Estas cifras revelan o aumento significativo do turismo procedente de Aragón, Navarra e o Este Peninsular, destacando tamén o procedente de Toledo e a Rexión de Murcia”, engadiu a concelleira. Dentro de Galicia, a provincia que máis visita Ferrol é A Coruña (262), seguida de Pontevedra (154) e Ourense (135). A idade predominante dos foráneos está comprendida entre os 31 e os 60 anos -o 73% dos casos-, destacando a presenza de parellas -21%- e o turismo en familia -6,5%-. Así, o principal motivo que atrae aos visitantes a Ferrol é coñecer as Rías Altas galegas e por orde de importancia, novamente, valoran: o patrimonio, a natureza, a gastronomía e os eventos -o 12,7%, que en agosto ascendeu ao 16,4%-.

Ruta do Naval e visitas guiadas

Por outra banda, a programación ofertada pola Concellería de Turismo obtivo un incremento notable con respecto ao pasado ano, segundo os datos facilitados pola concelleira, a Ruta da Construción Naval -coas visitas guiadas ao Arsenal, Museo Naval, Exponav e Navanta- e o Castelo de San Felipe constituíron os principais atractivos para os turistas. Ao fío das visitas guiadas e teatralizadas ao Castelo de San Felipe, entre maio e mediados de setembro, foron realizadas por 20.582 persoas, das que 15.821 corresponden aos meses de xullo, agosto e a primeira quincena de setembro. “Esta cifra supón un incremento dun 27% de visitas ao Castelo de San Felipe con respecto ao pasado verán, no que se rexistraron 12.400”, matizou a edil María del Carmen García.

No que atinxe á Ruta do Naval, co complexo militar e industrial da Ría, incluídos o Museo Naval e Exponav, rexistrou un total de 14.341 visitas. Neste senso, a concelleira ferrolá destacou o aumento de visitantes do Museo Naval, que entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, recibiu a 6.006 persoas “o dobre de visitantes que o verán pasado”, engadiu. Así mesmo, o número de persoas que visitaron Exponav deuse triplicado, pasando de 2.882 persoas en verán de 2013 ás 6.083 rexistradas na recen finalizada tempada estival. A estas cifras, hai que engadir o aumento considerable de usuarios dos paseos en barco pola Ría de Ferrol con 3.741 persoas, fronte ás 2.930 que o fixeron no pasado verán. Os datos do Museo de Historia Natural foron tamén un éxito, xa que 1.536 persoas visitaron estas instalacións entre o 1 de xullo e o 12 de setembro, o que supón máis de 600 persoas que o pasado ano.

Ocupación hoteleira

A concelleira de Turismo tamén resaltou a alta ocupación hoteleira rexistrada entre os meses de xullo e agosto que, segundo os datos facilitados polos propios hoteis, superou o 85% de media:

– Gran Hotel Ferrol: 80% de ocupación en xullo e en agosto.

– Parador de Turismo: 75% de ocupación en xullo e 95% en agosto.

– Hotel El Suizo: 100% de ocupación en xullo e agosto.

En resumo, a edil María del Carmen García apuntou que as cifras do balance “mostran que foi unha gran campaña de verán, e diría máis, que este 2014 está sendo un ano moi exitoso para o Turismo en Ferrol”, ao tempo que reiterou a aposta polo sector e a súa repercursión na economía local. Ademais, recalcou que a cidade naval forma parte do calendario internacional de cruceiros, o que sinalou como unha nova oportunidade de crecemento e desenvolvemento “que temos que aproveitar”.

26 de setembro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.