Fallo do xurado dos IX Premios de investigación universitarios Concepción Arenal e González Llanos
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe o fallo do xurado dos IX Premios de Investigación Concepción Arenal e González Llanos, convocados polo Concello e a Universidade da Coruña. O investigador Manuel Ferreiro Fernández, polo seu traballo “Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa”, e Laura Castro Santos polo estudo titulado: “Metodoloxía para a avaliación económica de parques eólicos offshore flotantes: aplicación a Galicia”, resultaron gañadores do Concepción Arenal en Humanidades e do González Llanos, no campo da enxeñería naval, respectivamente.
O ditame do xurado deuse a coñecer esta mañá nun acto que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal. A vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño; o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; os membros do xurado e representantes dos grupos municipais asistiron á notificación do fallo. Cada un dos gañadores recibirá un premio en metálico de 12.000 euros. Un total de 11 proxectos foron presentados a esta edición, oito na área das Humanidades e tres en enxeñería naval, e os compoñentes do xurado resaltaron a calidade “extraordinaria” e a variedade temática dos traballos.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade destacou o bo entendemento entre o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, que convocan estes galardóns de maneira conxunta dende o ano 1998. “Unha ligazón que nos últimos anos permitiu impulsar diferentes proxectos que veñen de colocar ao campus ferrolá á vangarda dos galegos como son a apertura da primeira residencia pública universitaria e a planificación do crecemento da Universidade cun novo campus”, manifestou Jose Manuel Rey. Así mesmo, o rexedor municipal valorou estes premios de investigación, xunto cos premios Enxeñeiro Comerma e Alcalde Usero, como uns dos galardóns de maior prestixio no eido universitario. “Un certame que pretende recoñecer de xeito público e notorio a importante labor que fan os nosos investigadores, fundamental e decisiva para o progreso da sociedade”, recalcou o alcalde.
Compromiso coa investigación
Así as cousas, o Concello de Ferrol destina 30.000 euros para a organización desta edición dos premios: 12.000 euros para cada un dos traballos premiados en cada certame e outros 6.000 euros que xestionará a institución académica para a organización dos mesmos. “Compromiso que vimos mantendo dende a nosa chegada á Alcaldía coa Universidade e co fomento da investigación, xa que a aposta pola investigación non pode ser de palabra senón económica”, subliñou Jose Manuel Rey Varela. O primeiro edil insistiu en que cada un dos once proxectos presentados “aporta o seu gran de area ao coñecemento de dúas ramas da ciencia que nos permitirán crecer e progresar”.
O rexedor municipal tamén destacou o traballo gañador do Concepción Arenal, sinalando que “a poesía galego-portuguesa forma parte do xerme da literatura da Península Ibérica e na Idade Media a referencia no ámbito poética estaba en Galicia e Portugal”; ao tempo que enumerou a etapa compostela co Obispo Gelmirez, a Orde de Cluny “que fomentaron considerablemente esa primavera literaria”. En canto ao proxecto premiado no ámbito da enxeñería naval, Jose Manuel Rey Varela considerou como “estratéxico” o traballo dos parques eólicos offshore e a súa aplicación a Galicia.











