Falece o responsable do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O Concello de Cambre expresa o seu maior pésame institucional polo falecemento de D. David Pisani Prego, responsable do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre. O goberno local quere expresar o maior e máis sentido pésame a toda a familia de Pisani en nome de toda a Corporación Municipal e de todos os traballadores do Concello.

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, desexa expresar en nome de toda a Corporación Municipal que comparte a dor dos seus familiares, de amigos e de todos os compañeiros do SEPC de Cambre pola triste perda dunha gran persoa e un gran traballador, que dedicou gran parte da súa vida e esforzos a salvagardar as vidas de miles de cambreses e en facer do Servizo de Emerxencias de Cambre que dirixía un exemplo para o resto da área metropolitana. Recentemente o pleno da Corporación aprobou cos votos a favor de todos os concelleiros que a nova Base de Protección Civil de Os Campóns leve o seu nome. “Esta perda é irreparable para o Concello e para Cambre. El foi capaz de crear un servizo de emerxencias municipal de referencia en toda a comarca. A nova base de protección civil pola que loitou durante tanto tempo levará o seu nome para sempre. Quero mandar un abrazo enorme á familia e amigos próximos de parte de todos os cambreses aos que David sempre protexeu”, explicou Rivas.

Pisani iniciou a súa etapa profesional no ano 1996 como Policía Local de Cambre, posteriormente continua a súa traxectoria como voluntario de protección civil no ano 1999 onde colabora de forma altruísta. No ano 2001 púxose á fronte da agrupación como presidente da mesma, a partir desa data, a agrupación de voluntarios de Cambre pasou a ser referencia para todas as agrupacións da contorna metropolitana. Xa en 2003 accede ao posto de coordinador do Servizo de Emerxencia e Protección Civil de Cambre, momento no que este servizo de seguridade cobra unha gran relevancia ao levar a cabo iniciativas e proxectos que consolidarán ao SEMPC como un departamento esencial para a seguridade en toda a comarca das Mariñas. Entre as propostas que puxo en marcha destacan a formación do Bombeiro Voluntario, e o grupo ecuestre-o primeiro en Galicia- formado para a vixilancia e procura dos montes de Cambre. O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil arrincou baixo a súa dirección cun profesional e un todo terreo e hoxe en día o corpo conta con seis axentes, catro vehículos de emerxencias, dous todo terreos. A súa preocupación foi ter unha base propia, o seu gran empeño, e tras anos de espera esa base, a cuxa inauguración non puido asistir, levará o seu nome tras o acordo plenario do mes de xullo.

O concello organizará unha misa no seu recordo en Santa María de Cambre este xoves, aínda que a hora está aínda por confirmar.

           

15 de setembro de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.