Expourense recibe o galardón da Asociación Día de Galicia en Asturias

Entrega do galardón
A Asociación Día de Galicia en Asturias recoñeceu onte a traxectoria de Expourense como entidade dinamizadora da actividade empresarial na nosa comunidade. A entrega do galardón tivo lugar na Cámara de Comercio de Oviedo durante un encontro que homenaxeou a empresas galegas e asturianas.
O director xeral de Expourense, Alejandro Rubín, foi o responsable de recoller esta distinción de mans do presidente da Asociación, Manuel Fernández Quevedo, e do presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Oviedo, Fernando Fernández-Kelly. Esta entidade recoñeceu á Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense por ser “un exemplo de cooperación público-privada que fomenta, a través das feiras e eventos que organiza, a competitividade das empresas galegas e facilita a creación de oportunidades de negocio internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a viticultura ou a gastronomía”.
Ademais de Expourense, foron distinguidas outras empresas galegas e asturianas como Augas de Mondariz, Gamesa ou o CEDYPA (Círculo de Empresarios, Directivos e Profesionais de Asturias).
Este galardón vén reforzar as relacións de Expourense con distintas asociacións empresariais de Asturias a través dos eventos que organiza o recinto feiral ourensán e no que destaca Xantar, o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo. Trátase dunha cita que ten o obxectivo de promocionar a calidade da gastronomía galega e fomentar o turismo de proximidade. Asturias participa en Xantar desde fai moitas edicións como comunidade convidada representada por distintas organizacións empresariais ou asociacións de hostalaría que presentan o mellor da súa gastronomía, artesanía e folclore.











