Expourense e A.C.A.U.T.O. organizan o 6º Salón do Automóbil Novo e o 6º Salón do Automóbil Ocasión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Expourense incorpora ó seu calendario feiral de 2014 dúas novas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción. En estreita colaboración coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., organizan para o vindeiro mes de outubro o que será xa o 6º Salón do Automóbil – Vehículo Novo (a fin de semana do 3 ó 5) e o 6º Salón do Automóbil – Vehículo de Ocasión (do día 10 ó 12).

Esta mañá asinouse no recinto feiral o convenio de colaboración entre Expourense e A.C.A.U.T.O. para materializar a organización de ambas as dúas citas. A sinatura correu a cargo do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e polo presidente da asociación empresarial, Ramón Seijas. Estiveron acompañados ademais por Santiago Garza, membro da executiva de A.C.A.U.T.O.

Está confirmada a participación como expositores nestas citas de todos os concesionarios da provincia asociados a A.C.A.U.T.O. En total participarán unha vintena de empresas que engloban máis de 30 marcas de vehículos. O obxectivo é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo que poderá consultar nun mesmo espazo toda a oferta existente no mercado ourensán, comparar opcións antes de realizar unha compra que require dun gran desembolso económico. Para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización sortearán entre os visitantes que pechen a compra dun autómobil nestas citas un desconto de 6.000 euros.

A venda de automóbiles é un dos indicadores de consumo máis fiables á hora de avaliar a situación económica dunha rexión. Segundo informa o presidente de A.C.A.U.T.O., Ramón Seijas, “logo de anos moi difíciles as vendas están repuntando. En Ourense a venda de automóviles subiu no que vai de ano un 12% con respecto a 2013, o mesmo que na provincia de Lugo. Na Coruña e Pontevedra este crecemento foi superior aínda”.

Durante esta sinatura, Seijas confirmou que “agora é un bo momento para mercar un vehículo. Grazas a incentivos como o Plan PIVE estamos conseguindo renovar o parque móbil do país, facelo menos contaminante e aumentando a seguridade viaria”. Aqueles que decidan achegarse ata estes salóns poderán ademais obter información sobre as distintas axudas e incentivos existentes á hora de adquirir un vehículo como o Plan PIVE 6 que está tendo moi boa acollida e dos que xa se investiron, dende o pasado mes de xullo, 70 millóns de euros dos 175 de fondos públicos destinados (segundo informa a patronal de fabricantes ANFAC).

Como en todas as feiras que organiza Expourense, aqueles que se acheguen en tren ata Ourense nos días de celebración destes salón poderán beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas.

9 de setembro de 2014 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.