Expertos europeos e nacionais participan nunhas xornadas sobre a organoloxía da gaita en Ourense
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza as Xornadas sobre Organoloxía da Gaita, que terán lugar en Ourense o vindeiro día 27 de setembro, e que achegarán á cidade das Burgas aos mellores músicos, etnomusicólogos e estudosos da materia chegados dende toda a península e dende Europa. Están patrocinadas pola Secretaría Xeral de Cultura, e realizaranse no Auditorio Municipal de Ourense, sito na rúa do Canle nº 2 desta cidade.
Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesaria esta cita, que está destinada non só a aquelas persoas que traballan no entorno da música tradicional, senón que tamén será un encontro de interese para os que queiran saber máis tanto da nosa cultura como doutras tradicións, xa que esta riqueza cultural amosarase dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se poderá participar de xeito activo nos diversos debates e ponencias.
Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza na sociedade, para facer chegar a súa historia e costumes.











