Exhibición e divulgación da cultura do café de calidade en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

O vindeiro xoves, 18 de setembro, entre as 16h e as 18h, a Cafetaría Belén, de Vigo (Avda. García Barbón, 103), converterase en auténtico centro de difusión da cultura do café de calidade, a bebida quente máis consumida en Europa, cunha exhibición barista aberta a todo o público interesado.

Marcos González que, co seu irmán José Antonio González, tomou as rendas do local que antes rexentaron os seus pais, será un dos mestres de cerimonias e mostrará como preparar os cada vez máis de moda capuchinos decorados coa técnica do latte art, unha das disciplinas máis complexas para un barista e na que o vigués é especialista.

El e o focense Víctor Couto, asesor barista de Cafento e dúas veces Campión Barista de Galicia, prepararán cafés e cócteles a base de café da máxima calidade, que os asistentes poderán degustar gratuitamente, e atenderán todas as dúbidas que se lles expoñan en relación ao mundo do café.

O evento, coorganizado por Cafento (no sur de Galicia máis coñecida pola súa marca El Gallego), a maior empresa cafetera entre as de capital español, forma parte das actividades que a compañía desenvolve por toda España a fin de promover e pór en valor a cultura do café de calidade.

“Trátase de que hostaleiros e clientes finais sexan cada vez máis coñecedores do amplísimo mundo do café e máis esixentes co que serven ou consumen” -afirma Carolina Otero, responsable de Mercadotecnia de Cafento para Galicia-, “para que a experiencia de consumo do cliente final sexa o máis pracenteira e satisfactoria posible”.

Sobre Cafento

Cafento é a empresa de capital español líder no sector do café. Grazas á súa continuada política de expansión, a compañía agrupa actualmente a vinte marcas e conta con tres centros de produción, once sedes comerciais e un persoal de 423 empregados.

Entre as súas dezaoito marcas de café (tres delas galegas: Cafegal, Cafés El Gallego e Cafés El Trópico), Cafento elaborou en 2013 ao redor de sete millóns de quilos de café. A esta produción súmanse outras liñas, como a de infusións, chocolates, azucres, endulzantes e outros complementos.

16 de setembro de 2014 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.