publicidade hoxe

Evaristo Calvo pecha os venres de monólogo en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarral
A-
A+

Despois do éxito acadado coas actuacións de Luis Zahera e Pedro Brandariz, Evaristo Calvo será o encargado de pechar este ciclo de monólogos que puxo en marcha a Concellería de Cultura do Concello de Carral.

O Edificio Social Toñito Espiñeira acollerá este venres a unha das personaxes televisivas máis necias nunca vistas. O Turista Madrileño, interpretado maxistralmente por Evaristo Calvo, é unha creación de Zopilotes, trío composto polos guionistas Andrés Mahía, Carlos Ares “Parrocho” e Xosé Castro “Pato”, artífices de AIR GALICIA, programa de humor emitido durante varias tempadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego en 2008.

Evaristo Calvo inicia a sua actividade como actor profesional no ano 1988. Desde entón compaxina os traballos de actor, tanto no teatro como no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e os de guionista de televisión. Cofunda con outros profesionais as compañias Ollomol Teatro Submarino, Ollomol Tranvia e Mofa & Befa. Participa como actor en mais de trinta espectáculos entre o os que destacan O ano do cometa e O incerto señor don Hamlet…, Commedia e O rei nú, Anxeliños polo que recibiu o

premio Maria Casares, Finismundi Circus entre outros de Mofa&Befa. Na TV participa en programas de humor como Air Galicia, en series como Platos Combinados e en formatos infantís como Xabarin Club.

Agora, Evaristo Calvo volve internarse na complexa personalidade desta indesexable personaxe, compaxinándoo con “Shakespeare para ignorantes”, o novo e exitoso espectáculo de Mofa&Befa.

A función comezará ás 21:00 h. A entrada é libre ata completar o aforo.

Desde a Concellería de Cultura amosan a súa satisfacción por este novo ciclo e pretende consolidalo na programación cultural anual. Nesta primeira edición o Concello de Carral contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, a través dos programas Cultura no Camiño e Rede Cultural respectivamente.

26 de setembro de 2014 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.