EU-V acusa a Carlos Negreira de querer comprar o silencio dunha das imputadas
O voceiro de EU-V no Concello da Coruña, César Santiso, acusou o rexedor coruñés, Carlos Negreira, de querer “comprar o silencio” dunha das imputadas na rama ‘Pikachu’ da ‘Operación Pokémon’ cun nomeamento á fronte da Xefatura de Persoal.
No pleno, e nunha pregunta oral sobre acoso laboral, Santiso cuestionou a política de persoal no Concello da Coruña ante a nova convocatoria de postos de xefes de servizos municipais mediante libre designación.
Ao respecto, e en relación ao nomeamento do xefe de Persoal, dixo que a Casa do concello “premia e protexe unha presunta acosadora”, manifestou sobre Mónica Iglesias, -imputada na rama ‘Pikachu’ pola súa etapa á fronte dos Museos Científicos Coruñeses- e a denuncia presentada por un funcionario por acoso laboral.
“Pretende comprar o seu silencio”, argumentou Santiso en alusión ao rexedor coruñés. A estas palabras, replicou o tenente de alcalde de Facenda, Rosa Gallego. “Vai ter que pedir perdón a moita xente”, sentenciou.











