EU considera un gravísimo agravio o recurso contra a orde de derrubamento da cruz de O Castro
Esquerda Unida cualificou este luns como un “gravísimo agravio ás vítimas do franquismo” o recurso anunciado polo alcalde, Abel Caballero, contra a sentenza que obriga ao Concello a derrubar a cruz de O Castro.
O coordinador local de EU, Rubén Pérez, anunciou que a súa formación levará ao Congreso dos Deputados unha iniciativa “para facer valer a Lei de Memoria Histórica na cidade de Vigo”, e lamentou que, coa decisión de recorrer, o PSOE “traizoa a súa memoria, aos seus militantes represaliados e o propio concepto de memoria democrática”.
Pérez recordou que algún dos concelleiros socialistas do goberno de Caballero asinaron no seu día unha petición da Asociación pola Memoria Histórica para que se retirase ese símbolo, polo que agora lles pide “coherencia política”.
Ademais, sinalou que a sentenza do xulgado contencioso administrativo que ordena o derrubamento “establece claramente que é un símbolo franquista e non un símbolo relixioso”.











