Este venres finaliza o segundo prazo de matrícula no Máster Terra
O prazo de inscrición na edición 2014-2015 do Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela péchase este venres 19 de setembro. Para matricularse hai que rexistrarse e solicitar a admisión na páxina da secretaría virtual da USC, cuxo enlace está dispoñible en la web oficial masterterra.usc.es.
Este ano, o Máster Terra incorpora a posibilidade de realizalo en modalidade telepresencial, unha opción que permite facer o seguimento do curso por videoconferencias, simultaneamente ao desenvolvemento das clases nas aulas, o que facilita que as persoas interesadas en matricularse poidan compaxinalo co traballo ou cursalo desde o exterior.
O Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio é un título de perfil académico e investigador que convoca a USC a través do Laboratorio do Territorio, un equipo con 20 anos de experiencia.
A titulación naceu co reto de formar bos xestores do territorio e, dada a boa acollida por parte do alumnado, xa vai pola quinta edición. Impartirase de setembro de 2014 a xullo de 2015, de luns a xoves e en horario de tarde, na Escola Politécnica Superior e no Ibader, ambos os dous centros do Campus de Lugo.
O coordinador do Máster Terra, David Miranda, destacaba na presentación oficial desta edición que se trata dunha titulación “aberta ao mundo”, cunha “concepción bastante internacional” ao contar coa participación de estudantes, profesores, institucións, empresas e organismos de distintos países.
Carácter multidisciplinario
O Máster Terra abarca unha temática moi ampla e heteroxénea, posto que se basea no deseño de modelos de xestión dos usos do chan adecuados ás características de cada espazo, unha necesidade proveniente de sectores coma o agrogandeiro e acrecentada polo enfoque da nova PAC, a ameaza dos incendios forestais ou os conflitos urbanísticos. De aí a formación variada dos alumnos, entre os que se atopan enxeñeiros (agrónomos, de Montes, en Obras Públicas…), arquitectos, topógrafos, biólogos, informáticos, paisaxistas, avogados ou economistas.
As saídas
As persoas que cursen este máster terán opción a un contrato de investigación de 6 meses e acceso ao doutoramento específico (DoctoraTe), e poderán colaborar con institucións de distintos países, facer prácticas no exterior durante o período lectivo, formarse nas últimas tecnoloxías da información xeoespacial ou ver publicados os seus traballos de fin de máster.











