Estable pero grave a veciña da Coruña que foi apuñalada polo seu fillo
A muller apuñalada este xoves na cidade herculina polo seu fillo está estable, aínda que o seu prognóstico é grave, segundo o parte médico facilitado polo Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), onde permanece ingresada.
Tamén a un hospital foi trasladado o seu fillo, tras a súa detención, segundo precisaron fontes da Policía Nacional, que confirmaron que o autor da agresión padece problemas mentais e atopábase en tratamento psiquiátrico “desde facía tempo”.
A muller, duns 60 anos, foi apuñalada nun costado polo seu fillo. Sobre as 17,42 horas do xoves, o servizo de emerxencias 112 recibiu unha chamada alertando do sucedido nun domicilio da rúa José Echegaray.
O 112 deu aviso á Policía Nacional e tamén á Autonómica, mentres os efectivos sanitarios trasladaban á muller, con prognóstico reservado, ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. Os feitos producíronse tras unha discusión e, supostamente, foi o propio agresor quen alertou dos sucedido.
Agora a nai atópase ingresada na Unidade de Coidados Intensivos do Chuac. Mentres, o fillo, detido pouco despois do suceso, está ingresado nun centro hospitalario.
Por iso, segundo explicou fontes policiais, podería ser posto a disposición xudicial en canto se lle dea a alta médica ou, pola contra, “non pasar fisicamente” e remitir só as dilixencias policiais ao xulgado no caso de que se atrase a citada alta.











