Estable dentro da gravidade a muller á que disparou a súa parella en Chantada
A muller de 32 anos de idade á que a súa parella disparou en Chantada (Lugo) a semana pasada permanece “estable dentro da gravidade” ingresada na UCI do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), segundo confirmaron este luns fontes sanitarias.
A vítima recibiu un disparo sobre as 21,20 horas do martes 26 de agosto cando se atopaba no interior do establecemento no que traballaba como camareira ás ordes de A.F., a súa parella, momentos antes de que o local abrise para aproveitar a última xornada da Festa da Empanada de Chantada.
O presunto agresor -A.F., de 41 anos, parella da nova ferida e dono da Hamburguesería Piscis, onde ela traballaba como camareira- ingresou na prisión de Monterroso tras pasar a disposición xudicial o pasado día 29 de agosto.
Tras confesar os feitos ante a Garda Civil ao día seguinte da súa detención, o arrestado pasou a disposición xudicial na mañá do venres 29 de agosto e prestou declaración ante a titular do Xulgado de Instrución de Chantada.
Ademais, a Garda Civil procedeu o xoves pasado á reconstrución dos feitos acontecidos o día 26, cando pasadas as 21,00 horas, Antonio F., de 41 anos de idade, disparou na tempa á súa parella, de 32 anos, na Hamburguesería Piscis de Chantada, onde a vítima traballaba como camareira.