Entrega dos diplomas do curso ‘Pintora – Decoradora’ na Coruña

Entrega de diplomas
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, participou na entrega de diplomas ás 12 alumnas que asistiron e finalizaron o curso Pintora – Decoradora que se celebrou entre xuño e setembro deste ano.
O curso forma parte da iniciativa Emprende Futuro que o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello realiza cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a posición das mulleres na sociedade impulsando a súa participación no ámbito laboral, xa sexa por conta allea ou a través dunha iniciativa emprendedora.
Ademais deste curso, enmarcado no ámbito da formación específica, ofértanse, ao longo deste ano, outro sete cursos relacionados con competencias pre-laborais, formación transversal, formación para o emprego por conta propia e formación lingüística. As actividades diríxense a mulleres en idade laboral residentes na Coruña ou a área metropolitana e dáse prioridade a mulleres vítimas de violencia de xénero, migrantes, con escasa ou nula experiencia laboral, ou con traballos precarios.
Este programa dá continuidade ao desenvolvido entre xuño de 2013 e xuño de 2014 cofinanciado tamén pola Deputación Provincial, Proxecta ou teu futuro, no que participaron 151 mulleres. En total, ofrecéronse 1.269 horas de formación repartidas nas 22 edicións que se realizaron dos 9 cursos ofertados.











