publicidade hoxe

En novembro rematarán as obras do campo de fútbol de herba artificial de Barro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

As obras de remodelación do campo de fútbol municipal de Barro estarán rematadas a mediados de novembro. Así o comunicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na visita que realizou esta mañá ás instalacións, acompañado do rexedor local, José Antonio Landín.

Os traballos, executados pola empresa Civis Global S. L. e que contan cun orzamento de 420.201,54 €, consistirán na transformación do actual campo de fútbol de terra nun campo de herba sintética.

O campo marcarase para dous campos de fútbol 7 e un campo de fútbol 11, e dotarase dun sistema de rega composto por seis aspersores. Instalarase unha rede de iluminación, con catro torres de 16 metros de altura e catro proxectores de 2.000 W, e, ó longo dun lateral, construiranse dúas filas de bancadas. Así mesmo, equiparase con dúas porterías de fútbol 11, catro de fútbol 7, dous bancos de xogadores e bandeirolas de córner.

Como puido comprobar o presidente da Deputación na súa visita ás obras, os traballos marchan a bo ritmo. Nestes momentos xa están instaladas todas as canalizacións e tubaxes, completouse o movemento de terras e colocáronse as torres de iluminación.

Agora estase a traballar na dotación dos firmes e bases previos á instalación da capa de céspede artificial e estanse a construír as bancadas, co cal, se o tempo o permite, os traballos estarán rematados nun prazo de mes e medio.

30 de setembro de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.