EMALCSA alerta da presenza de estafadores que actúa no seu nome en domicilios da Coruña
A Empresa Municipal Augas da Coruña (EMALCSA) advirte á poboación da Coruña de que desde hai uns días detectouse a presenza en varias zonas duns supostos operarios da auga que tratan de estafar a algúns veciños, en especial a persoas de avanzada idade, en nome da compañía.
Os falsos empregados preséntanse nos domicilios advertindo aos clientes de que teñen un recibo pendente de pago ou algún outro problema relacionado co seu contrato e que a única maneira de evitar o corte da subministración é abonar no instante e en metálico unha cantidade de diñeiro, que nalgún caso dos detectados ascende a 150 euros.
Nas últimas horas o Servizo de Atención ao Cliente recibiu catro chamadas de consulta sobre este modo de actuar e constatou polo menos un caso no que o timo chegou a consumarse, polo que a compañía puxo os feitos en coñecemento das autoridades e trasladou a súa total disposición a colaborar coa investigación. Ante a posibilidade de que se reproduzan estas situacións a empresa pídelles aos seus clientes que extremen as precaucións e que comunique calquera incidencia a este respecto.
EMALCSA lembra aos seus clientes que calquera incidencia co contrato ou cos seus recibos se comunica con antelación por escrito, especificando os prazos e os medios que o cliente ten para emendar a incidencia. En ningún caso os empregados da compañía efectúan cobros nos domicilios. Os medios de pago de recibos son a través dos bancos colaboradores ─ben de maneira presencial ou a través de domiciliación ou transferencia─ ou acudindo persoalmente ás oficinas de Atención ao Cliente, xunto á entrada principal da Casa da auga.
Ante calquera sospeita, EMALCSA recomenda que se consulte chamando ao teléfono permanente de Atención ao Público, 981 242 322, ou que se denuncien os feitos directamente ante a Policía. A colaboración cidadá resulta fundamental para que a xustiza poña coto a este tipo de lamentables feitos.











