Ecoencontro coa natureza en Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

Durante este fin de seman terá lugar o I ECONCONTRO COA NATUREZA. Trátase de traballar tres días nun espazo máxico como é o Parque dos sentidos – Finca Granxa de Briz de Marín, levando a cabo obras efémeras e respectuosas coa natureza, perfectamente integradas nesta.

Venres á tarde: charla introdutoria, gratuita e aberta ó público.

O venres ás oito da tarde, terá lugar na Casa da Finca de Briz, unha charla aberta ao público na que, o artista convidado Antón Sobral, achegará ós asistentes unha introdución ó movemento da arte e natureza no mundo, e en Galicia. Con ela, iniciaranse as actividades do encontro.

Sábado e Domingo: Obradoiro gratuito para 20 persoas inscritas:

O sábado, pola mañá e pola tarde, 20 participantes, previamente inscritos, traballarán no xardín. Ás sete haberá unha posta en común dos traballos. O domingo traballarase pola mañá, rematando e fotografando as obras. Así mesmo, agardarase a visita da prensa e autoridades do Concello para comprobar, in situ, a calidade das mesmas.

O obradoiro vai dirixido a persoas que teñan interese creativo. Non teñen que ser artistas, senón, sinxelamente, xente encantadora e con ilusión por gozar da natureza.

FLUÍR: “Flow” (do inglés, fluír) é o concepto  a desenvolver no obradoiro.

Segundo o profesor Mihaly Csikxzentmihalyi “flow” significa tamén “sentirse posuído por un profundo sentimento de gozo creativo” (óllese o seu libro “Fluír”, Editorial Kairos).

Para Daniel  Goleman, o concepto “flow” convértese no que él chama “intre branco”, é dicir, ese momento especial de harmonía, de gran creatividade e concentración, onde todo o que unha persoa fai, sempre sae ben (óllese “El espírito creativo”, de Daniel Goleman).

Procuraremos ese FLOW, ese momento branco, ao longo do xardín  da finca de Briz, sen presas, nun estado mental de relaxación e acougo.

Este intre vai unido a unha paisaxe fermosa que colaborará en atoparnos ben con nós mesmos.

FLUÍNDO NO PARQUE DOS SENTIDOS: Deixarnos ir polo xardín xogando cos sentidos. Andar aboiados. Practicar ese concepto de “flaneur”, de deriva creativa, que todos levamos dentro.

ARTISTA CONVIDADO

Antón Sobral é un coñecido artista que, aparte de centrarse na súa obra persoal e docente, leva mais de quince anos organizando encontros de arte e natureza en toda Galicia. Entre outros lugares, ten feito encontros deste tipo, con grande éxito en Forcarei, Allariz, Camelle, Soutomaior, Rianxo e Faro Lariño (Muros).

24 de setembro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.