Dysbodesa celebra o seu aniversario cun showroom de viños en Santiago
Co obxectivo de reunir a clientes e colaboradores que fixeron posible que a distribuidora de viños selectos Dysbodesa sexa unha realidade desde fai catro anos, a súa alma mater, Carlos M. Jorge celebrará o próximo 8 de setembro un showroom no que non só se poderán coñecer e degustar os viños das diferentes adegas galegas e nacionais que traballan con esta distribuidora, se non que os invitados tamén terán a oportunidade de coñecer aos adegueiros que están detrás de cada viño.
O lugar elixido será a AC Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela, e as adegas que se darán cita serán nada menos que 17 das oito denominacións de orixe diferentes: Bodega Valenciso; Fontana; Tamaral; Amaren; De la Rica; Lagar de Costa; Pazo Casanova; Terra do Castelo; Quinta do Buble; Bodegas Carballal; Bodegas Castro Brey; Habelas Hailas; Valduero; Morgadío; Viña Somoza, Amedo e O Río Rossell. Unha oportunidade única para gozar das elaboracións destas adegas e coñecer aos seus responsables.
E é que Dysbodesa celebra o seu aniversario. Catro anos desde que este emprendedor comezou a súa andaina en Compostela e agora “creo que é un bo momento para poder atoparnos, agradecerlles a confianza posta na miña desde hai tanto tempo e pasar un bo intre en compañía de clientes e colaboradores sen os que esta empresa non sería posible”, explicou Carlos M. Jorge. A invitación para descubrir estes viños é, ademais, extensible a toda a hostalaría compostelá para que poidan probar os viños que elaboran estas adegas, “que coñezan e poñan cara a esas botellas e etiquetas que serven a diario nos seus locais”.
Ademais de gozar destes viños, o evento completarase coas elaboracións de Nelssy Soriano, chef do restaurante do Palacio del Carmen, así como coa presenza ex campión galego de corte de xamón e terceiro no ranking nacional, José Míguez, e do actual campión galego de coctelería clásica, Pedro Sestayo, encargado de pechar o evento cunha demostración de coctelería coa que sorprender a todos os invitados.











