Directivos da International National Trusts colaboran na promoción do Camiño Inglés
Ao redor dunha ducia de directivos da International National Trusts Organisation (INTO) procedentes de Gran Bretaña, Uganda, Canadá, Francia ou Australia, comezaron esta mañá en Ferrol o Camiño Inglés nunha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña en colaboración con Tesouros de Galicia.
A comitiva, na que tamén toman parte membros de Cogami para demostrar “a accesibilidade do Camiño”, reuniuse antes de partir con Diego Calvo, o alcalde de Ferrol e o almirante xefe do Arsenal. Fixérono nas instalacións de Exponav, onde o titular de INTO, Simon Molesworth, destacou a importancia que supón para a súa organización “poder coñecer sobre o terreo a ruta para despois promocionala nos países onde traballamos”. Insistiu ademais no “sobresaliente” do Camiño Inglés en todo o que se refire a “Patrimonio e Historia con maiúsculas”, xa que, asegurou, “estamos aquí para aprender, pero tamén para axudar a promocionar un percorrido cargado de valores”.
Pola súa banda, Diego Calvo agradeceulles aos membros da International National Trusts Organisation o interese demostrado polo Camiño Inglés xa que, dixo, “todo o que sexa unha axuda á promoción que estamos a facer desde a Deputación da Coruña será benvida”. Neste sentido, coincidiu co almirante xefe do Arsenal e co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, en definir o Camiño como “unha ruta rica en diversidade, en patrimonio e en historia”, polo que animou aos peregrinos a “coñecela en profundidade para así poder gozala”.
Apoio da Deputación
Esta iniciativa, que concluirá o venres en Santiago tras percorrer cinco etapas, enmárcase no convenio asinado recentemente entre a Deputación da Coruña e Tesouros de Galicia, entidade sen ánimo de lucro e única sociedade española membro da INTO.
O fin desta colaboración é pór en valor o Camiño Inglés, así chamado debido a que foron os ingleses quen empezaron a utilizalo durante os séculos XIV e XV, sendo o barco o medio utilizado para chegar ás costas galegas. Hoxe en día, esta ruta alternativa cara a Santiago mantense como un recurso turístico moi importante para a provincia e segue espertando grande interese no mercado anglosaxón, co que existen vínculos moi marcados por motivos históricos e culturais.
As etapas previstas seguen o trazado orixinal do Camiño Inglés tradicional con Ferrol como punto de partida. Pontedeume, Betanzos, Bruma, Sigüeiro e Santiago completan unha peregrinaxe que supera os 110 quilómetros.
Ademais, haberá un segundo grupo que iniciará o percorrido o mércores na Coruña, outro dos portos tradicionais de entrada dos barcos británicos, desde onde realizarán as tres etapas ata a tumba do Apóstolo.
Ao longo do percorrido, os peregrinos, ademais de gozar da paisaxe, do patrimonio do Camiño e de vivir en persoa unha experiencia única, recibirán ampla información sobre a ruta noutros aspectos de interese turístico como a gastronomía típica dos concellos polos que discorren os tramos e a veciñanza.
Presenza internacional
Só no Reino Unido, National Trust conta con máis de catro millóns de socios. Así mesmo, INTO ten presenza en todos os continentes e é especialmente activo en países como Australia, Taiwan, República Checa e Canadá, entre outros. O seu obxectivo principal é o de promover a conservación e posta en valor do patrimonio.
ETAPAS:
Luns 15: Ferrol-Pontedeume. 25 km
Martes 16. Pontedeume-Betanzos. 18 km
Mércores 17. Betanzos-Bruma. 28 km
Xoves 18. Bruma-Sigüeiro. 24,8 km.
Venres 19. Sigüeiro-Santiago. 16,5 km.











