CxG será o primeiro partido de Compostela en escoller candidato á alcaldía por primarias abertas
O Secretario Local de Compromiso por Galicia, Modesto Toribio, presentou esta mañá aos medios o calendario de primarias que CxG celebrará na capital galega. Será a primeira vez que un partido político da cidade elixa ao seu candidato á alcadía por este sistema.
Neste sentido, Toribio indicou que estas si son primarias e que calquera cidadán que cumpra unhas mínimas condicións se pode presentar como candidato ou participar como elector, incluso sen estar afiliado a Compromiso. Os único requisitos son: estar censado en Compostela, ser maior de dezaoito anos, no caso dos candidatos, e maior de dezaseis, no caso dos votantes, e manifestar por escrito que comparten os principios e apoian o proxecto político que representa Compromiso por Galicia e que non estan afiliados a ningún partido político.
O período no que se vai desenvolver todo este proceso dará comezo o venres 19 de setembro, coa apetura do prazo de presentación de candidaturas, que rematará o xoves 25 ás 24h. Serán sete días nos que as persoas interesedas poden inscribirse como elexibles na web www.compromiso.gal, onde existe un modelo de formulario, ou no correo info@compromisoxgalicia.org. Logo de concluída esta parte, o martes 30 de setembro, a coordinación territorial fará públicos o nome dos candidatos. O seguinte paso, a campaña dos candidatos. Durará unha semana e comprenderá desde o sábado 4 de outubro ao venres 10 ás 24h.
Desde a apertura do prazo, o 19 de setembro, e até unha hora antes do peche das urnas, todo cidadán interesado en votar poderá rexistrarse nun lugar habilitado na páxina web de Compromiso, ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo nacional. Só é necesario pagar unha cota de dous euros, para sufragar gastos, e cumprir os requisitos antes mencionados.
O proceso de primarias finalizará o sábado 11 de outubro coas votacións. Os electores terán seis horas para poder votar e elixir á persoa que encabezará as listas de Compromiso por Galicia nas municipais de 2015.











