Cultura e Ambiente protagonizarán a fin de semana en San Sadurniño
En San Sadurniño preséntasenos unha fin de semana intensa na que poderemos gozar da música, o teatro e incluso do sendeirismo cun cometido ambiental. O sábado temos concertos na Casa da Cultura dentro da VI Xornada da cultura popular que organizan os Berros do Castro, pero ademais en Santa Mariña ofrecen maxia e teatro para toda a familia co gallo do San Loureiro. Para o domingo hai preparada unha nova edición da campaña Móllate polos ríos, que prevé limpar durante a mañá un tramo do Castro entre Igrexafeita e Naraío.
A Xornada da cultura popular arrancará pola mañá cun obradoiro de birimbau impartido por José Vázquez Che e Francis Olivier Almeida. Trátase dunha clase maxistral para a que foi necesaria inscrición previa -xa non hai prazas- e na que estes dous trompeiros ensinarán as principais técnicas e ritmos tradicionais que se poden interpretar cun instrumento tan simple como difícil de dominar.
Porén, a xornada tamén inclúe concertos gratuítos. Comezarán ás 20.00 precisamente con CheVázquez e Almeida, quen lles darán paso á formación de música tradicional Xente Nova. Pablo Argüeso, Alberto Falcón, Jorge García e Adrián García, compoñen este cuarteto saído da banda Agarimo de Catabois. Chegan a San Sadurniño despois de alcanzar un meritorio 4º posto no concurso de gaitas de Ponteareas, o máis antigo e un dos máis prestixiosos de Galicia.
O remate das actuacións musicais será algo no que se mesturen o concerto e a conferencia e con dous pesos pesados do folclorismo estatal sobre o escenario. Alberto Jambrina e Pablo Madrid -persoeiros de renome no estudo da cultura popular- impartirán unha sesión na que poderemos descubrir a riqueza da música tradicional zamorana e ata que punto influiu nela a galega. Jambrina e Madrid xuntarán comentarios con pezas interpretadas con voz e múltiples instrumentos, moitas delas recollidas no seu último traballo Arbolito florido.
A asociación cultural Berros do Castro completou o programa cunha exposición do debuxante e deseñador Calros Silvar titulada Unha ollada natural. Recolle unha vintena de láminas orixinais sobre natureza dun grande detalle e rigor científico. De feito estes cadros de animais, cogomelos e plantas convertéronse en ilustracións para libros e guías sobre natureza, un campo no que Silvar está considerado como unha autoridade. A mostra pode visitarse ata o 6 de outubro no recibidor da Casa da Cultura.
Móllate polos ríos
E o Concello volve participar este domingo 28 de setembro na campaña de limpeza simultánea de cauces Móllate polos ríos, impulsada por Adega e na que se implicaron 18 municipios e entidades de toda Galicia. A zona escollida para a limpeza son uns 2,4 quilómetros do curso alto do río Castro, comprendidos entre a área de lecer do Pozo de Lamas e a ponte da Pedreira. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- estímase que durará desde as 10.30 até as 13.30h.
Hai unha vintena de persoas apuntadas, aínda que non ter inscrición tampouco será impedimento para sumarse á convocatoria. O punto de encontro situouse no local da asociación de veciños Adiante de Igrexafeita a iso das 10 da mañá. Desde alí as persoas participantes baixarán á área de lecer para comezar o traballo. A limpeza farase seguindo o curso do río ata a ponte da Pedreira e unha vez alí pararase para descansar un pouco e emprenderase a volta para xantar no Pozo de Lamas.
Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove-, botas e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial.
Maxia e teatro en Santa Mariña
Por último, a parroquia de Santa Mariña celebra o San Loureiro e incluiu na súa programación actividades da oferta de descentralización cultural do Concello. Así, o sábado a partir das 18.00 h. o local social da parroquia acollerá a actuación do Mago Benxamín, que ofrecerá un espectáculo con números do repertorio clásico da maxia pero tamén outros de creación propia.
Ás 19.00 h. tocaralle a vez á compañía teatral Os Ghazafelhos cos seus Contos para escagarriñarse. Trátase dunha obra para toda a familia que lles gustará especialmente aos nenos e nenas e na que Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho fan unha disparatada parodia dos contos de medo.
Tanto a maxia como o teatro son con entrada libre.











