Crespo exerce a presidencia de ANMER ante os concellos galegos con parques eólicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+
Reunión de ANMER en Santiago

Reunión de ANMER en Santiago

O alcalde de Lalín explicou os obxectivos de ANMER e sinalou que “en Galicia son moitos os concellos con instalacións eólicas, polo que é importante que teña unha representación importante na Asociación” ANMER ofrecerá un servizo de asesoramento especializado en materia de enerxías renovables aos concellos galegos que se integren nela a través da persoa de Eliseo Diéguez, coñecedor do sector

O alcalde de Lalín, José Crespo, e novo presidente nacional da Asociación de Municipios con Enerxías Renovables (ANMER), coordinou este mediodía un encontro de concellos galegos con instalacións eólicas que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos en Santiago. Na xuntanza tomaron parte ao redor dunha trintena de representantes locais, entre alcaldes e concelleiros, se ben, tal como concretou Crespo aos presentes “hai case unha ducia de alcaldes que hoxe non están aquí porque lle coinciden en moitos casos con Pleno que manifestaron a súa conformidade co obxectivo desta xuntanza”.

Crespo comezou a súa intervención realizando unha presentación de ANMER e dos seus os obxectivos, os de defender os intereses municipais en relación coa enerxía eólica. Ao respecto fixo fincapé en que “en Galicia son moitos os concellos con instalacións eólicas, polo que é importante que Galicia teña un peso importante na Asociación e que haxa representantes galegos nesta Asociación estatal”.

Por esta razón o obxectivo, afirmou, “é  que desde ANMER podamos actuar como un lobbie para poder representarnos a nós mesmos e para relacionarnos coa patroal -xa tivemos un par de reunións moi frutíferas- e co Ministerio”. “En Galicia queremos ter unha representación razoablemente forte e seria en ANMER para defender os nosos intereses”, remarca.

Explicoulles á trintena de representantes municipais presentes que durante o seu mandato como presidente da Fegamp se lograra que os parques eólicos tributasen como BICES, co que supuxo de triplicar os ingresos municipais, non só para os concellos de Galicia, senón para todos os de España con parques eólicos.

SERVIZO ESPECIALIZADO EN MATERIA DE RENOVABLES PARA OS CONCELLOS

O  presidente de ANMER sinalou que se trata de que ANMER, con máis de 200 concellos adheridos, teña un puntal importante en Galicia. Neste sentido dixo que se trata de potenciar que Galicia teña unha representación forte en ANMER. Así mesmo indicou que desde ANMER se dará un servizo especializado en materia de enerxías renovables aos concellos galegos que se integren na Asociación. Este servizo, que ofrecerá ANMER, darao Eliseo Diéguez, unha persoa que coñece o sector: foi alcalde, presidiu a sección eólica da Fegamp, director do Inega e enxeñeiro industrial, isto é, Diéguez será quen desde ANMER prestará asesoramento aos municipios galegos que se integren na referida Asociación.

O presidente de ANMER sinalou que “os concellos que temos parques eólicos necesitamos ter asesoramento conxunto en materia eólica no tema do ICIO; IBI (BICES e valoración catastral) ou canon eólico”.

Doutra parte, Crespo incidiu que outro dos obxectivos de ANMER é defender os intereses municipais no sector no que se refire ao IBI, ICIO, IAE etc., e tamén defender o canon eólico, pois Galicia é unha poucas Comunidades Autónomas que o teñen implantado e que reporta ingresos aos concellos. De igual modo, tamén se puxo enriba da mesa a posibilidade de buscar novas fórmulas de financiamento de ANMER como podería ser estudar presentarse a algunha convocatoria a proxectos europeos.

En vindeiras datas terá lugar un novo encontro, unha vez  pasado un tempo prudencial para que os concellos galegos que o desexen se integren en ANMER, xa para marcar as pautas internas de funcionamento e comezan a traballar en conxunto.

Tras a intervención de Crespo, o secretario de ANMER, Rubén Labella, explicou de forma detallada que é ANMER, todos os traballos que realizan, e o proceso para adherirse á Asociación, na que se pretende potenciar a presenza de concellos galegos para defender os intereses municipais en relación co sector eólico e en xeral coas enerxías renovables. A reunión foi cordial e os representantes e concelleiros presentes amosaron unha boa receptividade.

25 de setembro de 2014 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.