Coruña10 estreará trazado na súa oitava edición na que se prevé unha participación duns 5.000 corredores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación de Coruña10

Presentación de Coruña10

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, acompañado por Mariel Padín, vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Pati Branco, Xefe de Relacións Externas do Corte Inglés; Jorge Cobián Casares, Director Médico de HM Modelo; e Marta Escribano, representante de Coppadis; presentou esta mañá a VIII edición de Coruña10, unha do tres grandes carreiras –xunto a Coruña 21 e Coruña42- que cada ano celebra a cidade e que, tras consolidarse no calendario coruñés e galego, empeza a ser xa unha cita ineludible no panorama nacional.

“Das nosas tres grandes probas, Coruña10, ademais de ser a máis veterana, é a máis popular de todas porque é moi atractiva tanto para os atletas federados que, grazas ao trazado, optan a facer grandes marcas; como para os corredores populares e para os novatos xa que é moi alcanzable por ser chaira. Por este motivo, a lema deste ano é Esta é a miña”, sinalou o concelleiro.

Francisco Mourelo asegurou que o ritmo de inscrición vai ben e que o obxectivo é situarse entre os 4.000 ou 5.000 corredores participantes: “Esta é a proba que máis medrou desde os seus inicios chegando a alcanzar, a pasada edición os 3.800 inscritos, o que supuxo multiplicar por 16 os participantes da primeira edición”, explicou.

A proba, incluída no circuíto de Carreiras Populares da Deputación, desenvolverase o vindeiro domingo 5 de outubro, ás 10.30 horas, con saída e chegada en O Parrote. Precisamente, o trazado é unha das principais novidades desta oitava edición que non só conserva as características de alcanzable, chaira e rápida, senón que as aumenta. Foi homologado pola RFEA (Real Federación Española de Atletismo). A saída está situada na entrada do novo Paseo de O Parrote e transcorre polos Cantóns o primeiro quilómetro. Xira na rotonda de San Diego e regresa pola praza da Palloza e Primo de Rivera chegando á praza de Mina. Posteriormente, colle dirección paseo marítimo bordeando o Instituto Eusebio da Garda na praza de Pontevedra. O quilómetro cinco discorre por Barrié da Maza e continúa polo Paseo Marítimo en dirección Torre de Hércules, deixando á marxe dereita edificios como a Domus e á esquerda a Casa dos Peixes. No quilómetro sete transita aos pés da Torre de Hércules. O trazado segue pola zona de Adormideras, chegando até o Castelo de San Antón e finaliza en O Parrote, nunha zona moi próxima á saída.

Os interesados en participar teñen de prazo até lle próximo 1 de outubro até as 22.00 horas, ben a través da web da Federación Galega de Atletismo ou no departamento de Deportes do Corte Inglés na Coruña, Santiago e Vigo. O prezo mantense en 5 euros para os posuidores do chip amarelo e 7 euros para os que non o teñan. A recollida de dorsais realizarase o venres 3 de outubro, de 17.00 a 21.30 horas, e o sábado 4 de outubro, de 10.00 a 21.30 horas, na segunda planta do Corte Inglés de Marineda City, ou o mesmo día 5 de outubro, de 8.30 a 9.30 horas, na zona de saída da carreira.

Como vén sendo habitual en todas as carreiras organizadas polo Concello, entre as 12.00 e as 13.10 horas, organízanse un total de 9 probas dirixidas a menores cuxa inscrición é gratuíta. Correrán desde os máis pequenos na categoría pitufos cunha distancia de 150 metros, até os xuvenís para os que o trazado será de 2.600 metros. Con isto preténdese inculcar os hábitos deportivos entre os máis novos.

Mourelo finalizou agradecendo a súa colaboración aos patrocinadores (El Corte Inglés, Coca-Cola Iberian Partners e HM Modelo) pola súa implicación co deporte e os hábitos de vida saudables. HM Hospitais incorpórase como patrocinador este ano e, entre outras cuestións, tratará de fomentar o deporte entre os máis novos convocando un premio escolar polo que o colexio que máis alumnos inscriba na carreira recibirá 500 euros en material deportivo. El Corte Inglés, pola súa banda, xunto con Run Academy convida a todos os corredores que se acheguen entre o 1 e o 4 de outubro polo centro situado en Marineda City a unha análise biomecánico e gratuíto da súa pisada en carreira, unha forma para garantir a elección adecuada de calzado e previr lesións.

“A nosa filosofía na Concellaría de Deportes é apostar por axuntar eventos de elite, eventos populares, hábitos saudables e solidariedade. Coruña10 reúne, nun só evento, todos estes obxectivos. Por iso é, sen dúbida, a nosa carreira estrela”, asegurou e avanzou que o 10% de cada inscripación será doado ao proxecto COPPADIS (Cohort of Patients with Parkinson Disease in Spain 2015), co fin de colaborar no desenvolvemento de novos tratamentos que mellores a calidade de vida de pacientes e coidadores de enfermos de parkinson. Tanto os participantes como a xente interesada en colaborar poderán facer, ademais, as súas doazóns grazas á creación dunha Fila Cero para realizar ditas achegas.

25 de setembro de 2014 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.