Coruña Smart City presenta a carpa Smart de información ao cidadán
O Concello anuncia a estrea do primeiro punto de encontro entre o cidadán e o proxecto Coruña Smart City, unha carpa informativa aberta a todos os cidadáns co fin de achegar aos veciños o proxecto de cidade intelixente que se está desenvolvendo na Coruña. A iniciativa forma parte do plan de difusión do proxecto Coruña Smart City, que se puxo en marcha hai uns días co lanzamento das “Historias Smart”, e que ten como obxectivo que os coruñeses coñezan o proxecto e descubran as vantaxes e os beneficios que suporá vivir nunha cidade intelixente.
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, foi o encargado de presentar esta campaña, que marca o comezo dunha nova fase no proxecto Coruña Smart City, co inicio da execución dos proxectos pilotos que achegarán, nos próximos meses, servizos máis eficientes e intelixentes aos cidadáns. “Levamos dous anos traballando neste proxecto que até agora tivo unha vertente especialmente interna e, desde este mes, iniciamos unha nova fase que consiste en facer partícipe á cidadanía. Trátase de que todos o coñezan para que se familiaricen con Coruña Smart City”, asegurou o edil.
A carpa estará situada no Obelisco desde o xoves 11 até o domingo 14, en horario continuado desde as 10.30 até as 21.00 horas. Dentro da mesma ofrecerase ao cidadáns contido interactivo para que coñezan que A Coruña se está transformando nunha cidade intelixente; cal é o estado e a dimensión do proxecto Coruña Smart City e que vantaxes obterán os coruñeses ao vivir nunha cidade intelixente. Ademais, convidarase a todos os cidadáns a que participen desde xa en Coruña Smart City e convértanse en cidadáns “Smart”.
Martín Fernández Prado explicou que o interior da carpa foi deseñado como unha especie de museo, no que se ofrece un percorrido moi ameno, tecnolóxico e interactivo. A través de diferentes pantallas vaise contando o proxecto desde cero até profundar en información máis técnica e relevante. Entre as novidades que ofrecerá a carpa destaca a posibilidade de ver A Coruña en 3D en tempo real grazas ao visualizador da plataforma “eVidens”, un dos proxectos innovadores desenvolvidos dentro de Coruña Smart City, e no que os visitantes poderán obter datos da cidade de ámbitos tan diversos como mobilidade, medio ambiente, infraestruturas ou turismo, entre outros moitos.
Tamén se ofrecerá información sobre as áreas nas que traballan os 14 pilotos (auga, educación, enerxía, medio ambiente, mobilidade, lecer e turismo, servizos e vivenda), cales son eses 14 proxectos pilotos e como a tecnoloxía aplicada aos servizos poderá mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Na carpa non faltarán os primeiros veciños “Smart”, os cinco personaxes que os coruñeses puideron coñecer ao longo dos últimos días a través das Historias Smart, cinco vídeos nos que se explica dunha maneira conceptual as vantaxes que suporá para o cidadán vivir nunha cidade intelixente. A través das historias cóntase, por exemplo, o aforro de tempo que se terá ao poder realizar cada vez máis xestións administrativas a través de dispositivos móbiles ou as oportunidades de negocio que suporá o sistema de Open Data.
Cun deseño moi moderno e coidado, os visitantes terán a posibilidade de descargarse información do proxecto nos seus smartphones a través de códigos QR. Tamén haberá agasallos, tanto para os máis pequenos como para os adultos, e convidarase aos asistentes a participar nunha enquisa sobre Coruña Smart City. “Este é só o inicio dunha serie de iniciativas incluídas dentro do plan de difusión do proxecto Coruña Smart City”, destacou Martín Fernández Prado.
O edil recalcou que o proxecto non é unha iniciativa illada, senón que o seu desenvolvemento favoreceu o crecemento empresarial da cidade. Coruña Smart City traballa con máis de 30 empresas, a maioría coruñesas e galegas, un claro exemplo de motor económico e empresarial que supón o desenvolvemento deste novo modelo de cidade. A día de hoxe o 80% do proxecto de Coruña Smart City está adxudicado, con 10 dos 14 proxectos piloto en fase de desenvolvemento e execución. Os pilotos de mellora enerxética na ETAP da Telva e optimización do tráfico en tempo real atópanse en fase de licitación, e finalmente os dous restantes están a piques de saír a licitación.
O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu coa súa nova proposta unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que chamamos o cerebro da cidade. A día de hoxe, a plataforma está en probas, incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns.
Desde o seu inicio, Coruña Smart City recibiu numerosos recoñecementos, tanto a nivel nacional como internacional. O proxecto acaba de ser seleccionado entre os seis finalistas ao premio á mellor Compra Pública Innovadora de Europa polo proceso de compra da Plataforma de Coruña Smart City.











