Coruña Smart City lanza ‘Historias Smart’ onde os coruñeses descobren as vantaxes de vivir nunha cidade intelixente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Concello informa de que hoxe arrinca un novo plan de difusión do proxecto Coruña Smart City coa finalidade de que os cidadáns poidan coñecer as súas vantaxes e beneficios. A iniciativa, bautizada co nome Historias Smart, inclúe unha serie de vídeos nos que, a través de cinco personaxes, descríbense as vantaxes que terá para os coruñeses o vivir nunha cidade intelixente.

Os vídeos describen, dunha maneira conceptual, como a vida de cinco cidadáns “smart” mellora grazas ás vantaxes tecnolóxicas que ofrece Coruña Smart City. No primeiro deles -que está dispoñible desde hoxe na web municipal (www.coruna.es), na páxina de Coruña Smart City (<www.smart.coruna.es) e en redes sociais-, conta a historia de Carmen, unha nai traballadora que regresa á cidade despois dunha longa xornada de traballo. De camiño a casa, no taxi, esta veciña aproveita as ferramentas que ofrece Coruña Smart City para realizar, na súa tablet e en tan só uns minutos, todas as xestións pendentes e destinar así o resto do tempo á súa familia.

Nesta primeira historia reflíctese o aforro de tempo que supón o poder realizar xestións administrativas a través dos dispositivos móbiles mellorando a calidade de vida dos cidadáns, principal obxectivo de Coruña Smart City.

O obxectivo desta iniciativa é que os coruñeses coñezan os numerosos beneficios de vivir nunha cidade intelixente e se fagan partícipes do proxecto Coruña Smart City.

A día de hoxe o 80% do proxecto de Coruña Smart City está adxudicado, 10 dos 14 proxectos piloto xa están en fase de desenvolvemento e execución. Os pilotos de mellora enerxética na ETAP da Telva e optimización do tráfico en tempo real están en fase de adxudicación, e finalmente os dous restantes están preto de saír a licitación.

O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu coa súa nova proposta unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que chamamos o cerebro da cidade. A día de hoxe, a plataforma está en probas, incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns.

5 de setembro de 2014 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.