Coruña Smart City é un dos seis proxectos finalistas de Europa para o Premio á mellor Compra Pública Innovadora 2014
Unha vez máis o proxecto de Coruña Smart City foi recoñecido como unha iniciativa única e innovadora. Nesta ocasión, grazas ao proceso de compra da Plataforma de Coruña Smart City, á que chamamos comunmente o “cerebro da cidade”, A Coruña atópase entre os seis finalistas para o premio á mellor Compra Pública Innovadora, na que Europa recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores.
A Coruña é a única cidade española seleccionada e entre os finalistas tamén se atopan dúas cidades Holandesas, Oslo, a rexión de Ródano dos Alpes Franceses e Austria. O gañador desta iniciativa desvelarase no congreso de EcoProcura na cidade de Gante os días 24, 25 e 26 de setembro.
A Plataforma Tecnolóxica de Coruña Smart City destaca pola súa capacidade de integración de datos que permitirá ter unha visión completa e en tempo real do que ocorre na cidade, achegando información moi valiosa tanto para os xestores, aos que axudará a tomar mellores decisións; como para os cidadáns, que estarán mellor informados.
O Concello da Coruña, está a traballar a fondo para que o proxecto de Smart City estea en mans dos cidadáns a principios de 2015. O alcalde Carlos Negreira, principal impulsor deste novo modelo de cidade intelixente, aposta firmemente por desenvolver proxectos innovadores para a cidade, xa que son o motor para potenciar o tecido empresarial, crear novas oportunidades de negocio e mellorar os servizos para os cidadáns. Segundo datos rexistrados pola iniciativa a nivel europeo, no ano 2013 o 40% das compañías con proxectos e servizos innovadores contribuíron máis dun 25% na facturación anual.
A participación neste tipo de iniciativas e sobre todo o recoñecemento á potencialidade do proxecto, afirman que a estratexia do novo modelo da cidade intelixente é o camiño que debemos seguir para converternos nunha cidade líder en innovación e en atracción de talento.
A Plataforma Tecnolóxica de Coruña Smart City é un proxecto innovador en todos os sentidos, desde a súa idea e concepción, ao tratarse dun deseño único de cidade intelixente, a súa aposta por mellorar na eficiencia e o funcionamento dos servizos para os cidadáns até o seu desenvolvemento e contratación, por potenciar, empregando novos modelos de licitación, o tecido empresarial.
O 80% do proxecto de Coruña Smart City está adxudicado, 10 dos 14 proxectos piloto xa están en fase de desenvolvemento e execución. Todas as licitacións dos proxectos piloto fixéronse baixo o procedemento de Compra Pública Innovadora (CPI), unha actuación promovida polas Administracións Públicas, para impulsar a actividade innovadora levada a cabo polo sector empresarial.
O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu coa súa nova proposta unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que chamamos o cerebro da cidade. A día de hoxe, a plataforma está en probas, incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns.
Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración,por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; o premio Xestión Integrada de Socinfo; ou ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español.











