publicidade hoxe

Cores Tourís visita a casa de turismo rural “Residencia Galicia” en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Ponte Caldelas

Cores Tourís en Ponte Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a casa de turismo rural “Residencia Galicia” de Ponte Caldelas, co galo da posta en marcha do 8º Outono Gastronómico no que este establecemento participa.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Perfecto Rodríguez, así como pola xefa do servizo de Turismo de Pontevedra, María Herrero e o propietario da Residencia Galicia, Andrés Bott.

Tal e como recordou Cores Tourís, este programa combina a enogastronomía galega co turismo rural e, por primeira vez, pon en marcha a iniciativa “Este ano, cociña connosco”, que permite aos expertos dos fogóns das casas de turismo rural adheridas ofrecer unha invitación moi especial: entrar nas súas cociñas para descubrir os segredos da súa receita estrela e colaborar activamente na súa elaboración, ofrecendo como agasallo un receitario cos pratos preparados por cada establecemento.

“En total, en Galicia participan 106 casas de turismo rural, das que 25 atópanse na provincia de Pontevedra, co obxectivo de dinamizar e favorecer a desestacionalización deste segmento durante os meses de outono e convidando ao visitante a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dos menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada”, explicou o delegado territorial, matizando que o 8º Outono Gastronómico en Turismo Rural comezou o pasado venres e remata o día 14 de decembro.

Segundo matizou José Manuel Cores Tourís, o programa ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.

Un total de 37.045 persoas participaron ó longo das sete edicións pasadas dos Outonos Gastronómicos o que levou consigo unha facturación de 2.086.169 euros.

Neste senso, José Manuel Cores Tourís destacou o auxe do turismo rural “que segue a medrar en Galicia, xa que no que vai de ano 74.971 viaxeiros escolleron a nosa comunidade como destino de turismo rural e os establecementos rurais contabilizaron un total de 138.866 pernoitas, un 25,9% e 26,8% máis, respectivamente, que no ano anterior”.

No caso concreto da provincia de Pontevedra, os establecementos de turismo rural reuniron a 4.163 viaxeiros no pasado mes de xullo, o que supuxo un incremento do 4,6%. “Eses viaxeiros realizaron 13.231 pernoctacións, un 12,5% mais que no mes de xullo do 2013 e a estadía media medrou nun 7,6% e a ocupación aumentou en 2,73 puntos porcentuais”, engadiu o delegado territorial.

En canto ao acumulado no que vai de ano,13.951 viaxeiros aloxáronse nos establecementos de turismo rural desta provincia, o que supón un aumento do 13,9%. “As pernoctacións acumulan durante estes sete primeiros meses do ano un total de 31.482, un 12,3% mais que no pasado ano. A ocupación incrementouse nun 1,15 puntos porcentuais con respecto ao mesmo período do pasado ano, o que destaca o auxe deste sector”, matizou Cores Tourís.

Así mesmo, “o turismo rural galego segue sendo líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”, sinalou Cores Tourís. En Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade, o que significa un 39,45% do total.

Mantemento dos prezos

O delegado territorial recordou na visita a este establecemento de Ponte Caldelas que, unha edición máis, mantéñense os prezos dos dous anos anteriores para todas as opcións.

-O “Menú Outono Gastronómico”. Un menú para xantar ou cear que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e, viño con Denominación de Orixe galega. O prezo é de 30 euros por persoa. Cada casa de Turismo Rural ofrece dous menús diferentes.

-Un “Paquete Outono Gastronómico” que inclúe un “Menú Outono Gastronómico” por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural elixida –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

-A mellor opción é a oferta completa de “Fin de Semana de Outono Gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

Ademais, se os viaxeiros quixesen compartir coa familia esta fin de semana tan especial, poden escoller a opción “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.

Así mesmo sinalou que pódese acadar máis información acerca das distintas opcións que ofrece á promoción, os establecementos participantes, os menús gastronómicos ou como facer reservas nas oficinas de información de Turismo de Galicia así como na súa páxina web.

O establecemento visitado esta mañá polo delegado territorial en Ponte Caldelas, Residencia Galicia, conta con unha capacidade para 19 hóspedes cun total de 10 habitacións, en réximen de almorzo, comida e cea. Conta con xardín, horta, piscina, restaurante e admite animais de compañía.

18 de setembro de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.