Cores Tourís inaugura o obradoiro de emprego “A Estrada X”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na Estrada

Cores Tourís na Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “A Estrada X”, acompañado do alcalde da localidade, José López Campos.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta está a investir 169.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 19 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Albanelería e en Forestal-Xardinería: un director, una titora, unha administrativa e dous monitores.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 24 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos titores e monitores dos dous cursos. Destacou o delegado territorial o feito de que no proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En Albanelería formaranse 9 alumnos e en Forestal-Xardinería outros 10.O alumnado traballará durante os próximos seis meses na adecuación e mellora de paisaxes fluviais do concello estradense. “En concreto”, explicou Cores Tourís, “realizarán obras no couto salmoneiro do Xirimbao en Couso, así como no de Ximonde en Paradela, demais de na fervenza de Callobre e na de Curantes”. Por outra banda, tamén traballarán na adecuación da carballeira municipal e na sede de protección civil de Toedo.

Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro de A Estrada para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.
Pola súa banda, o alcalde de A Estrada, José López Campos agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto xa que cumpre varios obxectivos: por un lado formar a desempregados do concello; por outro darlles un traballo durante 6 meses e finalmente, axudarnos a desenrolar importantes obras municipais”.

Finalmente, o delegado territorial recordou que obradoiros como o de A Estrada estanse a desenrolar en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 2 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que poderán contar cun emprego nun momento de crise como o que estamos a vivir”.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha estes días un total de 53 obradoiros, que contarán cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldará os 1.300.

29 de setembro de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.