publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou as melloras do camiño Facho-Correlo en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cambados

Cores Tourís na visita a Cambados

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o remate das obras de mellora e ensanche do camiño rural Facho-Correlo na parroquia de Castrelo en Cambados, executada a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Luis Aragunde, así como polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.

As obras consistiron na rozadura, desarbolado e destoconado con refino, planeo e apertura de cunetas ao longo de 300 metros cun ancho medio de cinco metros. A execución dos traballos levouse a cabo co estendido de macadam de 15 centímetros de espesor e un triplo rego asfáltico con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor.

O delegado territorial destacou os 42.100 euros destinados a estes traballos, recordando que a nivel comarcal, en canto ao Plan Marco de mellora de estradas rurais, destináronse no presente ano 405.648 euros destinados para os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova.

Estas obras permitiron a pavimentación e ensanche de vías de titularidade municipal, así como mantemento de camiños e mellora de firmes. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Cambados para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. “No caso do concello de Cambados, o investimento en mellora de vías rurais superou o 1,5 millóns euros dende ese mesmo ano e esperamos poder continuar investindo en traballos desta índole”, rematou o delegado territorial.

17 de setembro de 2014 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.