Cores Tourís comproba o remate das obras do Plan marco no lugar de Pazos, en Pontevedra

Cores Tourís na visita ás obras
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá en Pontevedra as obras que se están a executar para a mellora de do camiño rural de Pazos, na parroquia de Marcón, en compaña do xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.
Estes traballos, centrados na mellora do firme do camiño e dun ramal, executáronse dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e Mar, cun orzamento de case 60.500 euros.
En concreto, levouse a cabo a limpeza das cunetas desta vía situada no lugar de Pazos que enlaza coa PO-243 (O Pino-Marcón). Ademais, aplicouse unha base de macádam de 20 centímetros de espesor e bacheo con aglomerado en frío, en varias partes do camiño e do seu ramal.
“Tamén se levou a cabo o varrido por medios mecánicos na súa totalidade, regularizándose con aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor, instalándose distintas sinalizacións reflectivas con pintura”, explicou Cores Tourís, quen matizou que, en total, colocáronse catro sinais de stop, outras dúas de restrición ou prohibición e outras dúas de ceda o paso. “Ademais”, engadiu o delegado territorial, “puxéronse a nivel da nova rasante un total de 14 pozos de rexistro e instaláronse canos corrugados e arquetas”.
“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Pontevedra, estase a investir ao longo do presente ano un total de 500.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
Nos últimos anos a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Pontevedra, este investimento foi de 292.103,21 euros, executándose, entre outras obras, a apertura de pistas e recheo na parroquia de Verducido; a mellora da infraestrutura de abastecemento de auga en Canicouva; a reforma da infraestrutura viaria en Vilar ou o acondicionamento do acceso dende Fontán a Maunzo.











