Continúa a campaña de abonados do Santiago Futsal
A campaña de abonados do Santiago Futsal “Loita polo que queres” que comezou o pasado mes de Agosto, segue en marcha de cara aos primeiros partidos de Liga na casa.
O equipo de Santiago, que sempre contou co apoio fiel da afección, quere que esta familia siga medrando e levar o fútbol sala a todos os recunchos da capital galega. Por iso, segue aberta a campaña de abonados para todas aquelas persoas que queiran unirse ao “equipo da loita” ou queiran renovar os seus abonos de cara á tempada 14-15.
Os prezos de abono varían desde os 75€, prezo adulto; 50€ para persoas universitarias, con carné xove, parados, discapacitados, federados, xogadores Advs e xubilados; 25€ para nenos de 13 a 17 anos e 15 € para menores de 13 anos. Tamén existe a posibilidade do abono “pack de empresa” por 250€.
Este venres preséntase unha gran oportunidade para todos aqueles que queiran penetrarse no mundo do fútbol sala e gozar da mellor liga do mundo no Multiusos Fontes do Sar. O Santiago Futsal recibe ao D-Link Zaragoza ás 21h na 2ª Xornada de Liga. Os de Santi Valladares tentarán conseguir os primeiros 3 puntos da tempada arroupados pola calor da afección compostelá.
Xa está dispoñible a venda anticipada de entradas para o encontro do venres nas oficinas do Santiago Futsal (Rúa Diego Bernal s/n, Multiusos Fontes do Sar). Os prezos son de 10€ a entrada adulto, 5€ a xuvenil (13-18 anos) e 2€ a infantil (4-13 anos). O día de partido os despachos de billetes abrirán unha hora antes do comezo do encontro, ás 20h .











