Conde destaca en Momad Metrópolis o papel da moda galega na proxección exterior de Galicia e na xeración de riqueza e emprego

Francisco Conde durante a inauguración
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que asistiu hoxe á inauguración do Salón Internacional del Téxtil, Calzado y Complementos Momad Metrópolis, presidida polo secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz, salientou o importante papel da moda galega na proxección exterior de Galicia, e na xeración de riqueza e emprego na comunidade.
Conde, que estivo acompañado por representantes do sector textil galego, subliñou así mesmo que a moda galega conta con referentes a nivel internacional, entre eles Roberto Verino, que presentou na Mercedes-Benz Fashion Week as súas últimas propostas e que, tal e como resaltou Conde, é “exemplo do talento galego” dentro e fóra das nosas fronteiras.
A industria textil representa o 11% do PIB galego, cunha facturación superior aos 6.000 millóns, empregando a máis de 13.000 persoas. Grazas ao esforzo das empresas galegas para saír ao exterior, para o que contan co apoio da Xunta, as exportacións do sector incrementáronse o ano pasado preto dun 9%, superando os 3.400 millóns en 2013, o que supón máis do 50% da cifra de negocio. O ano pasado preto de 300 empresas do textil galego exportaron a máis de 100 países.
Apoio á xoiería galega
A Xunta está a apoiar tamén a busca de novas oportunidades de negocio para as empresas galegas nos salóns Madridjoya e Bisutex, que se están a celebrar tamén estes días no recinto feiral Ifema. O conselleiro de Economía e Industria, que visitou o stand conxunto no que catro firmas avaladas por Galicia Calidade e Artesanía de Galicia están a presentar as últimas novidades en deseño e fabricación de xoias a compradores profesionais de todo o mundo, destacou que xoieiros e artesáns exercen de excelentes embaixadores da nosa comunidade.
As firmas presentes neste espazo conxunto no que se achega a exclusividade da artesanía galega e a calidade do seu produto son Unión Joyera de Bergondo e Ardentía, ambas de Bergondo (A Coruña), e Óscar Rodríguez Joyeros e Piropo Joyas, de Viveiro (Lugo). Todas están amparadas tanto por Artesanía de Galicia, marca de prestixio baixo a que se comercializa o produto artesán galego; como polo selo de Galicia Calidade, grazas ao convenio de colaboración posto en marcha co Colexio Oficial de Xoiaría para conceder esta certificación, que só se outorga a produtos e servizos que traballan con materias primas de alta calidade, desenvolven unha producción óptima e aportan excelencia no servizo.
A participación en Madridjoya permite a estas catro compañías presentar os seus produtos e estratexias, así como contactar con canles de distribución de todo o mundo e así impulsar a exportación e reforzar a súa imaxe de marca.











