Concello da Coruña e Xunta acordan construír un centro de saúde en Santa Lucía
O alcalde, Carlos Negreira, alcanzou un acordo coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para actuar de forma conxunta na parcela do mercado de Santa Lucía, no barrio da Falperra, co fin de acometer a rehabilitación integral do edificio -que actualmente acolle a praza de abastos-, e que manterá o seu uso como mercado e onde tamén se instalará un centro de saúde. Ademais de dotala doutros usos veciñais.
O proxecto licitarase no primeiro trimestre de 2015, unha vez que o Concello recupere a concesión do edificio que agora alberga o mercado. En calquera caso, o obxectivo do Goberno local é afrontar unha rehabilitación do inmoble con dous obxectivos prioritarios: adaptar o mercado ás necesidades do século XXI e dotar ao edificio dun centro de saúde de modo que a organización funcional do mesmo permita desenvolver as dúas actividades de forma totalmente independente e sen ningún problema de compatibilidade.
O futuro centro de saúde beneficiará a unha poboación sanitaria de case 7.000 veciños da Falperra, a maioría usuarios do ambulatorio de Federico Tapia, que continuará aberto. A súa construción é unha antiga demanda veciñal do barrio que marcará un antes e un despois para a Falperra: revitalizarase o barrio e o edificio converterase no motor da zona. O proxecto forma parte do plan de revitalización do barrio, que inclúe, entre outras actuacións, mellores conexións e a instalación de escaleiras mecánicas.
A posta en marcha do proxecto de rehabilitación do mercado de Santa Lucía, ademais dunha reivindicación histórica do barrio, é tamén unha promesa electoral de Carlos Negreira, cuxo equipo de goberno, a través da Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, mantén reunións periódicas cos placeiros para analizar posibles alternativas de futuro a pesar de que a responsabilidade dos seus negocios non recae no Concello ao tratarse dunha concesión administrativa.
Este novo proxecto súmase a outras actuacións que se levaron a cabo no barrio, como a remodelación tanto da praza do Libro como da rúa Enrique Dequidt; a instalación da área infantil na praza Francisco Prego; ou as próximas iniciativas de mellora da accesibilidade como a instalación de escaleiras mecánicas en Mestre Cravei; ou o concurso de ideas para a renovación da praza de AntonioTenreiro. Actuacións que suporán un antes e un despois para o barrio da Falperra e para a mellora da súa calidade de vida.











