Comezan en Fisteus os traballos de campo na que é a parroquia de maior extensión na que se realiza unha concentración parcelaria
Os veciños da parroquia curtense de Fisteus, a de maior extensión na que se desenvolve a concentración parcelaria en toda a historia deste proceso en Galicia, recibirán desde hoxe a visita dos equipos de campo, que revisarán sobre o terreo as alegacións dos propietarios ás bases provisionais.
Os traballos, que consistirán na clasificación e medición dos terreos e na comprobación das posibles duplicidades de titularidades, desenvolveranse ao longo e ancho desta parroquia de 45 quilómetros cadrados, 62 aldeas e 600 veciños, cunha extensión de 4.075 hectáreas fragmentadas nada menos que en 20.000 parcelas. Coa agrupación de terras, o obxectivo é que estas queden reducidas a 4.550, a menos dunha cuarta parte da actual división.
O curso do ordenamento rural desta parroquia, a primeira de Curtis na que se desenvolveu, iniciouse en 2005, e sempre se destacou pola actitude de plena colaboración dos veciños, “que desde un primeiro momento mostráronse moi participativos en todo o proceso”, sostén o alcalde Javier Caínzos, que lembra como os mesmos técnicos da Xunta se mostraron sorprendidos nas primeiras reunións pola alta implicación veciñal, afeitos “ás rifas entre veciños e a preitos interminables”.
Reunión cos veciños
A última reunión mantívose a semana pasada, na que a directora técnica da reestruturación parcelaria e membros da empresa que a desenvolven informaron aos membros da xunta local e a comisión veciñal dos traballos de campo que comezan hoxe nas Merelas, e que continuarán polo resto dos 24 polígonos nos que se distribuíu a parroquia. Tamén se lles comunicou que se exporán no local da Illana os planos coas parcelas que non foron reclamadas polos seus propietarios, e que se clasifican, ata que aparezan, como descoñecidos.
En canto finalice esta fase e se proceda á aprobación definitiva das bases, prevista para o próximo ano, redactarase o proxecto de concentración e da rede viaria de camiños.
Esta reestruturación parcelaria coa que se ordenará a superficie de Fisteus permitirá un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais da zona.