Comeza o programa +Boavila cunha reunión en San Antoniño
O Concello de Pontevedra pon en marcha esta tarde a primeira das reunións veciñais incluídas dentro do programa municipal +Boavila, que ten por obxectivo actuar no espazo público e en bens privados para mellorar a calidade urbana, a estética e a convivencia cidadá. A primeira desas reunións está convocada para esta tarde, ás 20.00 horas no barrio de San Antoniño (na praza de Barcelos, ao carón dos quioscos da praza), na que os concelleiros implicados neste programa achegarán as propostas que teñen para o barrio, pero tamén recibirán as suxestións e propostas dos veciños.
No caso de San Antoniño, trátase non só de mellorar a imaxe do barrio en relación a aspectos urbanísticos como son os traballos de conservación dos pavimentos ou da iluminación, senón tamén darlle un toque de cor e elevar a autoestima dos seus residentes.
O programa +Boavila é o goberno dos pequenos detalles, das pequenas obras que melloran a vida das persoas, promocionando a querenza polo barrio, polos espazos públicos e crea o orgullo da cidade. +Boavila propón catro tipo de actuacións:
1. Mellora de vías urbanas: conservación e mantemento de rúas, beirarrúas, prazas…; Continuación dos traballos de reparación de vías e espazos urbanos; Atención a zonas específicas, alcorques; Pintado e sinalización de viais
2. Parques e zonas verdes: actuacións en parques e xardíns; Zonas de xogo e de lecer; Pequenos restos de zonas verdes; Maceteiros e flores.
3. Predios e edificios abandonados: Terreos de titularidade pública (Costas, Fomento, Xunta, Deputación, Concello); Terreos de titularidade privada: muros de peche, medianeiras, zonas de uso común de edificios; Pontevedra ilustrada: actuacións en muros e medianeiras
4. Mobiliario urbano: cuestións estéticas, de funcionalidade, de accesibilidade…; Bancos, papeleiras, sinais, farolas…; Bolardos; Aparcabicis; Marquesinas; Cadros de control semáforico; Cabinas de teléfonos; Sinalización vertical; Valados publicitarios; Paneis informativos por obras…
Ademais da reunión desta tarde, os concelleiros implicados con este programa: Luís Bará, Anxos Riveiro e Carmen Fouces teñen previsto convocar outras xuntanzas noutros barrios da cidade como a desembocadura do Gafos- Monte do Taco, o Burgo, Mollavao, Alfonso XIII-Echegaray, Ernesto Caballero- O Castañal… En todas elas farán propostas e recollerán ideas e suxestións da veciñanza para materializalas dentro deste programa.











