Comeza o acondicionamento do acceso ao auditorio e da beirarrúa da Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Operarios da firma Marconsa comezaron hoxe a traballar nas inmediacións do Auditorio para levar a cabo as obras de mellora de acceso aos baixos e reposición do tramo de beirarrúa entre o edificio cultural e a esquina da Casa do Mar. Os traballos comezarán polo acceso para vehículos aos sotos do Auditorio e, unha vez concluídos, continuarán pola beirarrúa do paseo. As obras teñen un orzamento de 39.000 euros e un prazo de execución dun mes.

Trátase dun proxecto modesto en canto a investimento pero que incidirá de xeito moi positivo tanto na calidade urbana e ambiental como na estética e funcionalidade da zona afectada que, na actualidade e pese a atoparse en plena zona urbana e de paseo, se atopa en bastante mal estado.

Coa obra acondicionarase o acceso aos baixos do Auditorio dende a Avenida da Mariña, un paso actualmente de terra e moi deteriorado e que presenta un terreo moi irregular que dificulta o tránsito de vehículos e peóns, co conseguinte risco para a seguridade dos mesmos. A actuación suporá dotar o acceso dun pavimento resistente ao paso dos vehículos municipais dos servizos de Medio Ambiente, Alumeado e Xardíns que teñen as súas sedes nos baixos do Auditorio. Ademais de resistente, o pavimento ten que integrarse coa contorna da Praza do Auditorio.
Para xuntar ambas características, optouse por un pavimento de formigón ao que se lle engadirán algunhas melloras de tipo estético. Utilizarase formigón vibrado frastado cunha coloración mediante tinguido para darlle unha aparencia máis natural, e ao que se lle practicará un acabado en obra mediante cepillado homoxéneo para darlle unha textura pétrea.

Ademais, e co obxectivo de integrar visualmente ese acceso coa Praza do Auditorio, as xuntas de dilatación do primeiro seguirá os ritmos do pavimento da praza.

Tamén se prestará especial atención á pendente e sistemas de drenaxe para evitar o encharcamento do vial que se viña producindo con chuvias intensas.

No borde do vial que transcorre á beira do edificio do Consello Regulador do Mexillón deixarase unha franxa de zoa verde na que se plantará céspede e plantas de temporada e se deixarán as árbores existentes. Esta medida contribúe a aliviar a dureza do pavimento e alixeirar o espazo construído dándolle unha vista máis agradable.

A segunda parte da obra será a que se centre en remodelar o tramo de beirarrúa da Avenida da Mariña comprendido entre a Casa do Mar e o acceso ao Auditorio. O pavimento actual está moi deteriorado, afundido en varias zonas, o que dificulta o paso de peóns e a circulación de carriños. Para suprimir obstáculos e barreiras arquitectónicas, substituirase o pavimento actual por outro enlousado.

1 de setembro de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.