Comeza a escavación para chegar ao nivel máximo inferior de cimentación da estrutura da ampliación do CHUO

Rocío Mosquera na visita ás obras do CHUO
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, percorreu hoxe as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde xa comezaron os traballos de escavación necesarios para acadar o nivel máximo inferior de cimentación da estrutura.
As obras empezaron a principios de xuño, e nos pasados meses construíuse e púxose en marcha o novo aparcadoiro de persoal e instaláronse e conectáronse os módulos da zona de administración e dirección de obras.
Tamén se procedeu á apertura dunha nova vía de acceso ao heliporto e á instalación e conexión dos módulos provisionais de persoal, que acollen aos Servizos de Aprovisionamentos, Contabilidade, Calidade, Investigación, Docencia, Subdirección de Sistemas de Información, Fundación Biomédica Galicia Sur, Xestión de Axendas e Servizo Técnicos de Obras.
Actualmente están en marcha, ademais das escavacións, as actuacións relacionadas co traslado da Central de Gases; a apertura da nova entrada na fachada sur para a construción dun molle provisional de carga e descarga de subministros; e o derribo interior do edificio administrativo.
Acompañaron á conselleira no seu percorrido a xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez; a directora de Recursos Económicos do Sergas, Lourdes Vilachán; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Detalles técnicos do proxecto
A Xunta de Galicia adxudicou a obra de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense á UTE Vías y Construcciones, S.A. + CRC + Extraco, S.A. por un importe de 41 millóns de euros. O prazo de execución dos traballos será duns dous anos desde o inicio da obra.
A ampliación do CHUO vai supoñer unha mellora substancial na prestación da asistencia sanitaria á cidadanía ao incorporar os últimos avances na área de hospitalización incluída nesta obra.
Segundo consta no proxecto, a superficie útil será de 47.864 m2 e a súa superficie construída será de 53.941 m2. A obra aborda a execución dun novo bloque de hospitalización, que constará dunha área de servizos xerais e a ampliación e dotación de aparcadoiro (tanto para o persoal do centro sanitario como para o resto dos cidadáns).
A torre de hospitalización terá sete andares de hospitalización con dúas unidades por andar, isto é, un total de 14 unidades, das que 9 serán polivalentes médico cirúrxicas, unha de psiquiatría, de paliativos, de oncoloxía e dúas unidades de hospitalización experimental.
En total, terá unha capacidade máxima de arredor de 900 camas. Ademais, disporá dunha área de docencia, cafeterías para o público e o persoal, departamento de admisión, tendas e vestíbulo.
Doutra banda, os servizos xerais constarán de cociña, mantemento, vestiarios, zona de residuos, mortuorios e almacéns. Por último, a área de aparcadoiro articularase en 3 andares con arredor de 700 prazas.











